O obxectivo é garantir que a plataforma que concorra ás eleccións xerais conte cuns criterios básicos de participación cidadá, democracia interna, transparencia e rendición de contas
A integración de forzas partidarias e non partidarias, o cumprimento dun código ético, un programa electoral participativo, a procura dun grupo parlamentario galego, e as listas paritarias e consensuadas serán indispensables para que a candidatura reciba o apoio da Marea Atlántica
A Marea Atlántica, na Rede extraordinaria celebrada este venres 30 de outubro, decidiu tomar parte nas negociacións dos diferentes actores implicados na conformación dunha candidatura galega de confluencia e unidade popular cara as vindeiras eleccións xerais. Esta colaboración estará orientada a garantir o cumprimento dunha serie de criterios básicos para que esa candidatura conte co apoio da Marea.
Así, nun debate presidido pola responsabilidade histórica de colaborar nun cambio político rupturista, no que se rescate a democracia para a cidadanía, acordouse a necesidade de traballar pola configuración dunha candidatura que, tendo en conta os axustados prazos e as diferenzas do contexto electoral, se asemelle o máis posible á propia Marea Atlántica.
Asumindo un papel activo nas negociacións entre os diferentes actores, a Marea Atlántica busca a conformación dunha candidatura que respecte os seus principios básicos, na que participen tanto forzas partidarias como non partidarias e que, baixo a forma xurídica que se elixa, se sometan a dispositivos de participación, coordinación e control de todos os axentes confluíntes. Ademais, deberán cumprir un código ético que obrigue ás persoas candidatas á rendición de contas ante a cidadanía e elaborar de modo transparente un programa electoral participativo. Do mesmo xeito, as listas deberán respectar a paridade de xénero e ser resultado do consenso entre forzas e axentes participantes.
Tamén se atopa entre os criterios apoiados pola Rede a necesidade de que a candidatura teña como obxectivo a conformación dun grupo parlamentar propio -entendendo ao pobo galego como suxeito político soberano- e o compromiso de propiciar a continuidade dos procesos de confluencia e ruptura, para consolidar un novo tecido político radicalmente democrático, que poida encarar as Eleccións Autonómicas e expandir o seu alcance afondando no protagonismo da xente.
Así, as persoas do grupo de Apertura da Marea Atlántica comezarán de inmediato a participar no diálogo na busca dunha candidatura que cumpra con eses criterios, co propósito de continuar contribuíndo á construción de espazos de cambio político, máis aló dos límites do noso proxecto municipalista.
No acordo aprobado pola Rede, tamén se lembra que o resultado das eleccións xerais será decisivo para que a ruptura democrática que se iniciou o 24 do maio se consolide ou se debilite. Se non muda a correlación de forzas nas Cortes, os concellos díscolos serán un inmediato obxectivo a bater. A realidade municipal non se pode mudar se non é dende un espazo máis amplo co que se compartan obxectivos. E viceversa, o propio proceso de confluencia galega podería nacer eivado se non o apoian as mareas gobernantes.
Os comentarios están pechados.