A Rede da plataforma cidadá fai un chamamento a PSOE e BNG para poñerse de acordo e presentar unha candatura común, único xeito de construír unha maioría absoluta no organismo provincial
A Marea tamén acordou os criterios mínimos para apoiar un proceso de confluencia para as eleccións xerais: respecto aos seus principios, confluencia real sen predominio dos partidos e protagonismo da xente
A Rede da Marea Atlántica, celebrada este sábado, acordou por unanimidade apoiar o cambio na Deputación da Coruña, segundo o mandato das urnas. Se PSOE e BNG chegan a un acordo e presentan unha candidatura conxunta, terán o respaldo dos deputados e deputadas da Marea no organismo provincial o vindeiro 16 de xullo.
De non existir dito acordo, sería imposible construír unha maioría absoluta, polo que a elección da Marea Atlántica sería a abstención. A decisión da Rede foi convidar ao PSOE e ao BNG a chegar a un entendemento sobre a persoa que debería presidir a Deputación.
En calquera caso, a Marea non entrará a formar parte do goberno provincial, e limitarase a exercer unha función de control. Os votos de Rocío Fraga, Claudia Delso e Daniel Díaz Grandío, representantes da plataforma cidadá no organismo provincial, serán fundamentais á hora de tomar decisións por maioría absoluta no plenario. Os tres traballarán para que o clientelismo, a opacidade e as políticas contrarias á cidadanía sexan desterradas da Deputación, e para trasladar as decisións tomadas pola Rede.
A Rede da Marea Atlántica sinalou, ademais, que esta lexislatura debe ser o primeiro paso cara a futura desaparición das deputacións. É preciso adelgazar estas institucións e devolverlle paulatinamente competencias aos concellos.
Proceso de confluencia nas eleccións xerais
Doutra banda, a Rede acordou uns criterios mínimos para apoiar un proceso de confluencia para as eleccións xerais. Son os seguintes:
A Marea apoiará un proceso:
- Que respecte os seus principios: garantir unha vida digna para todas as persoas, construír unha economía xusta e sustentable e poñela ao servizo da cidadanía, forxar unha democracia real, fomentar a participación cidadá, establecer un compromiso ético coa cidadanía e traballar pola igualdade.
- No que haxa confluencia real, onde no que todas as forzas traballen en pé de igualdade, apostando pola unidade e buscando puntos en común deixando de lado as diferenzas. A Marea Atlántica demostrou que o éxito está do lado da confluencia e a unidade.
- Que sexa un proceso baseado no protagonismo da xente, que vaia máis aló dos nomes e das siglas. Un proceso radicalmente democrático e participativo, que todas as persoas poidamos considerar como propio.