Xulio Ferreiro anuncia que a Marea Atlántica “intentará anular os acordos que permitiron a desfeita de Someso”
O candidato á alcaldía da Coruña critica o “lavado de cara electoralista destinado ao fracaso ” do Goberno de Negreira e cualifica a actuación urbanística “iniciada polo PSOE e avalada até agora polo PP” como “símbolo dos males do bipartidismo, que engordou unha burbulla que deixa agora unha cidade en crise e unhas arcas municipais c on 20 millóns de euros menos”.
Xulio Ferreiro, candidato da Marea Atlántica á alcaldía da Coruña, anunciou este domingo que dentro das primeiras decisións que a plataforma cidadá que encabeza tomará ao chegar a María Pita está a de “intentar anular os acordos que permitiron a desfeita de Someso”. Concretamente, entre as medidas aprobadas pola Marea indícase que nos seus primeiros 100 días, o novo Goberno impulsará a “incoación dun expediente de revisión de oficio dos acordos municipais de enaxenación do aproveitamento urbanístico do Plan Parcial de Someso”, actuación pola que abriu xuízo o Tribunal de Cuentas.
Despois de que o Goberno local anunciase esta semana a súa intención de sumarse á demanda ante o Tribunal de Cuentas, Ferreiro cualifica de “paripé e lavado de cara electoralista” esta decisión, “condenada ao fracaso se antes non se revisan os acordos de 2004 e 2005 como propón a Marea e ao que se nega o señor Negreira, que ante a gravidade dos feitos puido tomar esta iniciativa hai uns anos, pero preferiu deixar correr o asunto intentando protexer así os poderes económicos aos que sirve”. Neste sentido, o candidato da Marea lembra que “segundo un informe do propio Concello, os escuros amaños urbanísticos do anterior alcalde Francisco Vázquez e o que era presidente da Patronal Antonio Fontenla ocasionaron un dano patrimonial de 20 millóns de euros ás arcas públicas. Ambos responsables son bos amigos do señor Negreira, que evitou esixir de forma contundente responsabilidades ata agora, cando simplemente introduce a cuestión no debate electoral, sen o máis mínimo interese de que a cidadanía da Coruña recupere o diñeiro estafado”.
Ademais, Ferreiro cualifica de “despropósito” o feito de que “a demanda non se dirixa tamén contra dos beneficiarios da operación, que foron determinados promotores co señor Fontenla á cabeza na súa condición de presidente da Xunta de Compensación e intermediario directo co goberno municipal na planificación e deseño da operación”. “O actual Goberno do PP intentou meter debaixo da alfombra o pelotazo de Someso do que foron responsables anteriores Gobernos do PSOE -entre eles, algún no que participou a candidata socialista Mar Barcón- o que converte este escándalo en símbolo dos males do bipartidismo, que engordou unha burbulla que deixa agora unha cidade en crise e unhas arcas municipais con, como mínimo, 20 millóns de euros menos”, indica Ferreiro, que asegura que contra este modo de operar de PP e PSOE “e de quen foi muleta deles”, a Marea Atlántica propón “outra política radicalmente distinta, que non dubidará en denunciar inmediatamente a quen utilice os cartos de todos e todas en beneficio propio, consultará á cidadanía antes de calquera actuación de grande envergadura e, desde logo, utilizará todos os instrumentos na súa man para anular o acordo que dou pé á desfeita de Someso”.