A Deputación da Coruña aprobou unha moción conxunta dos grupos provinciais da Marea Atlántica e de Compostela Aberta, sobre a crise humanitaria relacionada cos refuxiados e refuxiadas na conca Mediterránea que están a solicitar asilo na Unión Europea. Deste xeito, a institución provincial comprométese a implicarse de xeito activo na creación dunha rede de municipios de acollida que permita canalizar a iniciativa cidadá de apoio aos refuxiados. Tamén se reclama a habilitación de partidas económicas para axudar a aqueles concellos da provincia que acollan refuxiados no seu territorio.
Para a Marea Atlántica e Compostela Aberta, é imprescindible dar cumprimento á Declaración Universal dos Dereitos Humanos, que recolle o dereito de asilo para as persoas desprazadas. Cómpre ter en conta que se trata dunha crise provocada por un conflicto bélico, polo que é preciso buscar solucións diplomáticas e, namentres, ofrecer posibilidades de reasentamento ás persoas desprazadas.
Ademais, nesta moción avógase por impulsar no seo do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade -do que é socia a Deputación- o establecemento doutras liñas de traballo e colaboración cos concellos para facilitar o acollemento das persoas desprazadas pola guerra.
Finalmente, ínstase ao Goberno Central e á Xunta de Galicia a que asuman as súas responsabilidades nesta crise humanitaria. A Marea e CA consideran imprescindible que o Executivo do Estado mude a súa postura ao respecto desta cuestión, e que promova un xiro nas políticas de asilo da Unión Europea. Así, coidan que o Goberno central debe rachar co coñecido como Protocolo de Dublín, que impide ás persoas desprazadas presentar solicitudes de asilo en máis dun país da UE ao mesmo tempo.