A cidade abre as cancelas para recibir aos refuxiados, con todos os seus recursos sociais e institucionais
O Concello da Coruña está a traballar para sumarse á rede de cidades-refuxio. Non podemos nin queremos seguir impasibles diante do drama humano que está a acontecer nas fronteiras pechadas desta Europa-fortaleza.
O Goberno da Marea leva varios días colaborando con diversas cidades do Estado, como Barcelona, Madrid e Valencia, e falando con entidades do tecido social coruñés para ofrecer todos os seus recursos institucionais e acoller a quen o precisa. “É urxente facer algo para poder achegar o noso gran de area e paliar a situación de miles de persoas que están percorrendo Europa nunha situación humanitaria abafante”, explicou o alcalde, Xulio Ferreiro.
A construción da rede de cidades refuxio avanzarase mañá, no encontro de Cidades Polo Ben Común que se celebra en Barcelona, e no que A Coruña estará representada polo seu alcalde. Ademais de acordar cuestións técnicas, alí tamén se fará un chamamento “á responsabilidade das autoridades comunitarias e do Estado para que, máis alá de dar saída á problemática destes refuxiados, poñan todos os mecanismos ao seu alcance para parar esa guerra civil que vive Siria e que se mantén desde hai demasiados anos”, comentou o rexedor.
Tamén a concelleira de Igualdade e Diversidade, Rocío Fraga, lembrou que o ofrecemento de acollida que están a facer os novos gobernos municipais debería ter apoio de “quen realmente ten competencias neste asunto, o Goberno central, que debe facer o seu traballo e tomar medidas ao respecto. Hai que esixirlle que achegue os recursos necesarios”.
Rocío Fraga terá este luns unha xuntanza á que están convidadas todas as entidades sociais que traballan na Coruña no ámbito das migracións, para analizar todos os recursos que pode ofrecer a cidade. Ademais, valorarase a posibilidade de organizar unha rede de acollemento en vivendas particulares, coa colaboración da cidadanía.
A nosa cidade leva tatuadas as migracións: milleiros dos nosos veciños e veciñas saíron na procura da súa subsistencia ou dos seus soños, ou escapando da represión. Hoxe son outras as persoas que, fuxindo do terror e da guerra, veñen chamar ás nosas portas. Nin a economía nin o desemprego poden valer como escusa para manter as cancelas pechadas.
Vide. Sodes benvidas. E traede as vosas familias.
[…] de A Corunya, presidit per la Marea Atlàntica, també està estudiant la proposta per considerar-la “interessant” i s’ha posat en contacte amb ONG de la ciutat per analitzar com poden ajudar amb els recursos amb […]
Ola!
Son unha coruñesa que actualmente vive en Bodrum, un pobo de Exeo en Turquía, que estos días e famoso pola foto do neno que apareceu na praia.
Actualmente por aquí pasan miles de refuxiados que están a espera de coller unha lancha que os leve a Grecia, moitos deles nos chegaran nunca as costas de Grecia.
A situación por aquí e bastante mala, as autoridades Turcas no están a facer moito, e grazas a xente que decidimos organizarnos e axudalos,dentro das nosas posibilidades. De momento están durmindo e pasando o dia nas ruas e prazas do pobo.
Eu estou a colaborar cun grupo de xente, tratando de coordinar algo de axuda, non estamos asociados en ninguna ONG xa que aquí en Turquía e bastante complicado crear unha, o que si estamos en contacto con múltiples ONG en Turquía que están traballando cos refuxiados.
Non sei si seria posible organizar a acollida dalguns destes refuxiados, xa que non coñezo as implicacions legais porque de momento están fora do territorio da Unión Europea.
Quedo a espera da vosa resposta.
Sandra