Saltar ao contido

Os comentarios están pechados.

A remunicipalización do servizo tería desencadenado un proceso xudicial, cun custo moi elevado para as arcas do concello

Como se prometera no punto 36 do programa electoral da Marea Atlántica, estudáronse todas as opcións para volver municipalizar a ORA, pero o custo para a tesourería municipal do previsible proceso xudicial que se abriría tería sido demasiado elevado. Por iso, o goberno da Coruña acordou estimar as alegacións de Setex-Aparkisa, e outorgarlle o servizo da ORA. Non foi unha decisión doada, pero tomouse de xeito meditado e responsable, con sentidiño.

Como explica Xulio Ferreiro, “o contrato estaba xa adxudicado de facto, había unha valoración favorable do anterior goberno cara Setex e era posible que de non outorgarlles a concesión, o Concello tivera que enfrontarse a un recurso que podía comprometer as arcas públicas. Podería supor un risco económico grave tanto para a Administración local como para os propios traballadores”.

Os informes solicitados polo concello destacan os atrancos derivados do ‘golpe lexislativo’ do Partido Popular, unha intervención de facto da Administración local que está a causar un progresivo deterioro dos concellos, limita a contratación de persoal, tanto por parte do Concello como polas sociedades municipais, e restrinxe a municipalización de servizos non obrigatorios.

Na batalla polo rescate dos servizos públicos imos precisar, non só o apoio da xente e o traballo en común e a cooperación con outros gobernos rebeldes de todo o estado, senón unha nova fronte máis alá da Coruña, no Parlamento do Estado, que se comprometa a romper o corsé que impide agora aos concellos facerse cargo das situacións de emerxencia, implementar máis e mellores políticas sociais e poñer as institucións ao servizo da xente.

 

A concesión da ORA, unha decisión difícil, pero meditada e responsable