Saltar ao contido
A Caixa da Memoria da Marea Atlántica

En cada casa, en cada familia, xuntamos obxectos e lembranzas valiosas dos nosos devanceiros. Nun baúl, nunha caixa, gardamos ese patrimonio persoal que nos identifica, reconforta, guía e estimula.

Do mesmo xeito, a cidade, o foro colectivo que é A Coruña, construiuse históricamente con contribucións individuais e colectivas que cómpre recoller, mimar e devolver á xente para que as coñezamos e as fagamos nosas. Para que sintamos fachenda delas ou, como din hoxe, autoestima. Un legado que cómpre preservar e difundir para que nos sirva de referencia vital e cidadá, para manter un diálogo co mellor do noso pasado e presente de cara a afrontar o futuro.

Por iso a Marea Atlántica creará a “Caixa da Memoria“, un proxecto que recollerá as pegadas de persoas e colectivos de toda condición que contribuíron e contribúen a dotar á cidade dunha identidade e dun sentido social e de progreso.

O proxecto desenvolverase en estreita relación co Arquivo municipal, a Biblioteca Municipal de Estudos Locais, o Museo da Cidade, os recintos expositivos institucionais, e as casas museos para recoller audios, vídeos, escritos, documentos, fotos, testemuñas dos protagonistas, un múltiple mosaico cidadán que constituén a a mellor faciana do que foi e do que é esta cidade.  Un material que, de seguido, deberá difundirse nos diferentes formatos dispoñibles para que chegue aos cidadáns.

A Caixa da Memoria identifica o que somos cada un de nós, o que nos constrúe como cidadáns dun espazo común de convivencia. Deste xeito, a historia constrúese a través do recordo reconstruído. Lembranzas de grupos, de individuos, de situacións, de institucións… Algúns que xa non existen, outros que aínda permanecen no tempo… mais todos eles gárdanse nunha especie de fardel da memoria, no que o seu recoñecemento como identidade persoal é mais importante que o que se di.

Debe acometerse en primeiro lugar un plan presentado á cidadanía de reconstrucción do pasado, sobre todo do recente. Reclamando as súas achegas, tamén da colaboración das empresas de comunicación, que saben perfectamente que dar pequenas pingas de pasado ben orientado é fundamental para dirixir cara determinado lugar a unha sociedade. Con esta actuación previa á instalación estaríamos fomentando o interese polo noso pasado, e como xa sabemos, polo noso rumbo como sociedade en común. Temos algo xa gañado respecto a moitas outras: o respecto polo pasado e o orgullo de cidadán é algo que forma parte da epiderme deste tecido social que se chama A Coruña.

Non quereriamos deixar estas achegas sen ter en conta que esta memoria debería tocar tamén a recenté, a máis nova, unha nova Coruña dende o século XX, xerada por innumerables recursos da emigración do rural cara o urbán, que procuraban precisamente iso: unha sociedade moderna e urbana, un comportamento cidadán e cívico propio dos novos tempos. Tempos que nunca son estáticos, nin como a interpretación da historia. Necesitamos un novo discurso sobre o pasado, sobre todo do recente. Esta Coruña é diversa, moi plural, mais hai un fondo común de cidadanía, un toque persoal na súa actividade social e económica que nos identifica cara aos demais. Pero isto non o sabemos se non nos abrimos ao exterior. Hai que abrir as ventás do localismo para que se poidan analizar as nosas fortalezas… e tamén as nosas debilidades. Para aprender delas, nada mellor que o pasado. Aquilo que nos fixo o que somos.

A Caixa da Memoria debe ser un proxecto sensorial: imaxes, sons, palabras, aromas, luces do faro, vento incluso… moito vento, como o desta cidade.

Unha realización deste estilo tendría que ter de saída dous formatos básicos:

  1. Presencial: un determinado recinto que sexa quen de canalizar cara aos outros recintos onde se fale do pasado da cidade. Non debería estar moi afastado do centro, para que se poida comunicar e interactuar nunha especie de roteiro, sempre presente e sempre visitable para todo aquel foráneo que queira coñecer de nós, mais tamén para o recoñecemento e confort dos cidadáns. O núcleo debería ser atraente no exterior para poder despois reconducir cara os outros recintos. E tamén no interior: debería reclamar ás persoas que entren unha necesidade de visitar o restante, de que algo lle falta. Dentro estarían dun xeito ordeado, mais aparentemente caótico, boa parte dos reclamos que se recollan.
  2. Un espazo virtual: accesible dende calquera lugar do mundo, que permita atraer dun xeito impactante a un concepto de pasado dunha cidade pequena que teña en conta a súa notable proxección exterior. Estes pequenos fitos individualizados do pasado da Coruña e da súa sociedade, todos xuntos representan un caudal do que debemos non só non obviar, senón publicitar e difundir. Isto non implica que o que se faga con todos eses materiais que se recollan sirva únicamente para a proxección exterior, senón que unha parte deles deben estar en aberto como reclamo, como anzol para unha visita á cidade máis amplia e de vagar. O mercado neste senso como todos sabemos, ben enfocado e dirixido, non é só a bisbarra, nin Galicia, nin España…Hai identidade. Hai Marea.

 

A Caixa da Memoria da Marea Atlántica
Foto: Sandra García Rey.

A Caixa da Memoria