Saltar ao contido

Darlle prioridade ao peón e á bicicleta nos barrios con maior densidade de poboación e menos zonas abertas será imprescindible para reducir o risco de contaxios cando se relaxe o confinamento

A Marea Atlántica solicítalle ao goberno municipal que poña sobre a mesa un plan serio e ambicioso para que a cidadanía poida regresar á rúa dun xeito seguro, na desescalada do confinamento. En palabras do concelleiro Xiao Varela, “non se trata só de habilitar percorridos de ocio e de paseo, senón de facilitar que a xente poida ir traballar e facer as compras habituais sen poñer en risco a súa saúde”, engadindo que “para iso é fundamental a humanización do espazo público”.

As intervencións deben realizarse non só no centro e nas rúas máis visibles, senón nos barrios máis densos cunha menor porcentaxe de zonas verdes e espazos abertos, como a Agra do Orzán, Monte Alto ou Os Mallos, por poñer uns exemplos. Nestas áreas, para facilitar a vida diaria, deben deseñarse percorridos seguros, tanto a pé como en bicicleta, empregando un urbanismo táctico. O obxectivo principal ten que ser permitir a mobilidade ao tempo que se respecta a distancia física necesaria para evitar contaxios, algo complicado en moitas áreas da cidade.

Trátase de intervencións sinxelas, que só precisan de medios auxiliares de sinalización,e poden implementarse nun tempo moi reducido e estar operativas durante o tempo que sexa preciso.

“Ademais o goberno municipal conta con proxectos herdados do mandato anterior, moitos deles xa incluídos nos Orzamentos municipais, que axudarán a ter un espazo público seguro e de calidade”, lembrou Varela.

Con inmediatez, poden peonalizarse vías como a rúa Compostela (Praza de Lugo) e Alcalde Marchesi (A Gaiteira) tal e como se fixo en anteriores Días da Mobilidade. A medio prazo, serán beneficiosas actuacións como a segunda fase do Camiño do Vixía (Monte Alto), o percorrido entre as Conchiñas e Santa Margarida (Agra do Orzán), ou a rolda de Entrebarrios entre os Castros e a Gaiteira).

Doutra banda, e recollendo as recomendacións que ao OMS fai da bicicleta como medio seguro e saudable para o transporte persoal, convidamos ao goberno de Inés Rey a cumprir os compromisos que asinou coa Marea Atlántica para o inicio do mandato, e continuar potenciando o seu uso. É preciso potenciar Bicicoruña, que xa volve estar en funcionamento, e rematar a execución dos novos carrís bici comprometidos.

No próximo Pleno, preguntas sobre a fábrica de aluminios

Desde o grupo municipal da Marea Atlántica queremos tamén renovar o noso apoio ao cadro de persoal da fábrica de aluminios da Coruña, inmersa nun opaco procedemento de venda das instalacións tan só oito meses despois de que Alcoa llas traspasara a Parter – Alu Ibérica. A factoría está agora nas mans de Grupo Riesgo, unha empresa rexeitada nas primeiras poxas por presentar unha das peores ofertas.

Na vindeira sesión do Pleno do Concello da Coruña, preguntaremos sobre o papel do goberno municipal nestes momentos, despois dunha semana de silencio. Por agora, solicitámoslle a Inés Rey que escoite ao comité de empresa da fábrica para coñecer e defenda as súas reivindicacións, cumprindo as xa numerosas mocións aprobadas por unanimidade no Pleno de María Pita.

Tamén instamos a mediar ante o Ministerio de Industria para coidar o futuro desta industria coruñesa e reclamar aprobación do estatuto electrointensivo, unha promesa electoral da que nunca máis se soubo.

A Marea Atlántica fai un chamamento a humanizar as rúas para facilitar a desescalada