No aniversario da aprobación da Declaración Universal de Dereitos Humanos, lembramos que cada día, nas propias rúas da Coruña, podemos ver como se incumpre o dereito á vivenda, ao traballo digno, á educación ou á mesma igualdade
Neste 10 de decembro, hai 71 anos que a Asemblea Xeral das Nacións Unidas aprobou en París a Declaración Universal de Dereitos Humanos, un paso importantísimo na loita por unha vida digna para todas as persoas. E a Marea Atlántica quere aproveitar esta data para facer un chamamento todas as institucións e administración para avanzar na garantía dos Dereitos Humanos e denunciar o seu incumprimento.
A declaración da ONU é un listado das condicións vitais máis básicas ás que todo o mundo debera ter acceso, pero continúa a ser incumprido na maior parte do planeta. Tamén aquí mesmo, nas rúas da Coruña. Por iso hai que seguir traballando para que o que proclama este documento estea cada día máis preto da realidade.
O primeiro artigo está consagrado á igualdade de todos os seres humanos, unha meta difícil nun sistema cada día máis desigual, onde máis da metade da riqueza está en mans do 1% da poboación. Na Coruña, onde o 16% da poboación está en risco de pobreza, tentamos combatelo con medidas como a Renda Social Municipal, o programa A Flote, as axudas de emerxencia, bolsas comedor ou a garantía de que a ninguén se lle corta a auga se non pode pagala, entre outras moitas que non levaron a ser a cidade galega con maior investimento social por habitante: 114 euros. Non abonda. As leis de austeridade, como o teito de gasto e as taxas de reposición, limitan a capacidade dos concellos de prestar servizos públicos de calidade desde a proximidade, e quen máis o acusa é quen non pode pagar pola atención privada.
Dereito ao traballo e á vivenda
O artigo 23 recoñece o dereito ao traballo, a un salario igual polas mesmas funcións e a sindicarse. Porén, a brecha salarial entre homes e mulleres é do 14,2% e as dúas últimas reformas laborais asinadas por PP e PSOE rachan cada día con estes dereitos, precarizando o emprego e convertendo ás traballadoras en reféns da cobiza das empresas. Estámolo vendo na planta de Nostián, onde Albada emprega un ERTE que pode aprobar grazas ás reformas para chantaxear ao Concello. Ou en Extel, onde este mesmo mes catro persoas foron despedidas mentres se atopaban de baixa. Pola contra, o goberno de Xulio Ferreiro fixo un esforzo especial por garantir que as concesións municipais fosen un exemplo de cumprimento dos dereitos laborais, con cláusulas sociais en todos os contratos.
O artigo 25 da Declaración recoñece o dereito á vivenda, que, sete décadas despois, continúa a ser violado sistematicamente. Na nosa cidade hai preto de 18.000 vivendas baleiras, e tamén segue habendo xente que durme na rúa, dous datos que non teñen ningún sentido cando se contemplan xuntos. No anterior mandato, o goberno da Marea Atlántica tentou subirlle os impostos ás casas que permanecen pechadas, pero non foi posible aplicalo porque o Estado e a Xunta de Galicia continúan sen regular legalmente ó que é unha vivenda baleira. Do mesmo xeito que se negan a facer nada para controlar o prezo dos alugueiros, inmerso agora mesmo nunha burbulla.
Contra o racismo e pola educación
O artigo 13 da Declaración declara o dereito á libre circulación e residencia, pero seguimos tendo CIES, cárceres ilegais para encerrar a persoas migrantes que non cometeron delito algún. O Estado segue a practicar as devolucións en quente e segue a tolerarse a explotación laboral de migrantes en moitísimos sectores. E cando se trata de fuxir da barbarie e a guerra, España rexeita dúas de cada tres solicitudes de asilo, mentres a ultradereita espalla odio e racismo que desembocan en atentados como o que se viviu a semana pasada no Centro de Menores de Hortaleza. Ante esta situación, o goberno da Marea Atlántica tentou facer da Coruña unha Cidade Refuxio, acollendo a ducias de persoas nos últimos catro anos. Unha política que agardamos que Inés Rey manteña.
O artigo 26 fala do dereito á educación, pero cada día vivimos recortes no ensino público, con prazas sen cubrir e sobrecarga de traballo para o profesorado, coa desaparición de docente < c<zs de audición e linguaxe e persoal de apoio ao alumnado con diversidade. Con 6.000 millóns de euros en axudas ao ensino concertado mentres baixa o investimento no público.
Son só algúns exemplos, tamén poderíamos sinalar as detencións de sindicalistas por exercer o dereito á folga, a persecución da liberdade de expresión e da protesta, a detención arbitraria… Por iso, este 10 de decembro, a Marea Atlántica fai un chamamento para lembrar que a loita polos dereitos humanos ten que seguir a darse cada día do ano.