O Porto aproubou uns orzamentos que prevén ingresos por desfacerse dos terreos de Calvo Sotelo, Batería e a Solana, a pesar de que a Xunta e Puertos del Estado prometeran non vendelos con eles.
As administracións en mans do PP xogan ao despiste mentres ignoran as propostas de colaboración do Concello para manter os terreos do porto en mans comúns. Ou minten ou estánlle a tomar o pelo á cidadanía.
A venda dos nosos peiraos segue na cabeza da Autoridade Portuaria. O seu Consello de Administración aprobou, co único voto en contra do representante do Concello da Coruña, uns orzamentos que seguen prevendo ingresos millonarios por desfacerse dos terreos portuarios da cidade. En concreto, sinalan un ingreso de 23,19 millones de euros en 2020.
En outubro, Feijóo veu á Coruña a facerse unha foto co presidente de Puertos del Estado e prometer que non se venderían os terreos da Solana nin os peiraos de Calvo Sotelo e Batería. De San Diego, a peza máis grande, nada dixo. Cinco meses despois, nin a Autoridade Portuaria da Coruña incorpora ese suposto acordo ás súas previsións nin responde ao ofrecemento do Concello da Coruña de traballar conxuntamente no rescate do litoral.
Só hai dúas opcións: ou o acordo era pura propaganda para calarlle á boca á xente e agardar a mellor ocasión para especular coa nosa fachada atlántica ou a operación segue a cociñarse a lume maino e de costas á cidade, á súa veciñanza e aos seus representantes públicos. En calquera dos dous casos é unha falta de respecto á cidade. Unha tomadura de pelo.
Beatriz Mato vota a favor dunhas contas que inclúen a venda dos peiraos interiores
En outubro, o Concello presentou un protocolo de colaboración entre a Xunta, o Estado e o goberno municipal para garantir que o borde litoral da cidade non caia presa da especulación inmobiliaria e fique en mans da cidadanía. Como? Constituíndo un consorcio no que remen xuntas todas as administracións que se deben á cidade. Non houbo resposta de ningunha delas até hoxe. Todas están nas mans do PP.
O concelleiro de Rexeneración Urbana da Coruña, Xiao Varela, foi o único que votou en contra no Consello de Administración celebrado hoxe no Porto. Entre elas, a presunta conselleira de Medio Ambiente Beatriz Mato, o alcalde de Arteixo e toda as representantes da Xunta e o Estado. “Co apoio da cidadanía, xa conseguimos parar a venda da Solana, e seguiremos adiante en defensa dun uso público para os peiraos interiores. Non lle van tomar o pelo á cidade da Coruña”, asegurou Varela.
O Concello perfilará a súa proposta no foro Tecendo litoral
Lonxe das fotos publicitarias e as cortinas de fume, o goberno municipal da Coruña traballa doutro xeito para rescatar o borde litoral da especulación. Ademais da creación dun consorcio entre administracións, os días 27 e 28 de abril celebrarase o foro #TecendoLitoral, aberto a toda a veciñanza, para discutir e pensar en común que queremos facer cos peiraos interiores.
O alcalde da Coruña, Xulio Ferreiro, convidou hoxe ao presidente da Xunta e ao presidente de Portos del Estado a participar neste debate público e trasladar as súas propostas, se é que as teñen, dando a cara ante a veciñanza da Coruña. Pero abonda de tomar decisións nos despachos de San Caetano e da Moncloa sen ter en conta ás persoas que viven nos terreos que eles só coñecen como debuxos nun mapa.