Saltar ao contido

O concelleiro de Culturas, José Manuel Sande,  foi declarar ao xulgado por mor dun dos carteis de promoción do Entroido da Coruña, e estivo arroupado por unhas 200 persoas

“Se cómpren batallas culturais, por suposto, imos libralas coa forza da razón”, declarou Sande

 

O Entroido, en pé contra as paixóns tristes. O concelleiro de Culturas, José Manuel Sande, tivo que ir declarar ao xulgado por unha anécdota. Pero una anécdota que amosa a involución das liberdades en todo o Estado.  Foi como investigado por un dos cartaces do Entroido coruñés, que presuntamente ofende sentimentos relixiosos. E con el foron unhas 200 persoas que quixeron apoiar a liberdade de expresión, o dereito á irreverencia e o sentido do humor.

Vídeo de Galiza Contrainfo

 

O concelleiro prestou declaración durante 20 minutos, e explicoulle á xúiza “todo o proceso de contratación do recoñecido artista local, Alberto Guitián, encargado da elaboración e deseño dos carteis”. “O que deixamos claro, como xa fixemos outras moitas veces, e que neste cartel non houbo ningún ánimo de ofensa. Trátase dun cartel inserido dentro da irreverencia que ten, tradicionalmente, a festa do Entroido. Estamos, ao cabo, ante unha contribución artística máis dun creador local”, considerou Sande.

 

Mobilización en defensa das liberdades

jesuisTamén agradeceu a presenza cidadá na porta do xulgado, e argumentou que “vendo a ameaza que, a escala estatal, está habendo sobre certas liberdades, faise necesario involucrármonos e comprometernos. É necesario mobilizarse. Estamos vivindo un clima que permite a intromisión en determinadas liberdades que son ‘sagradas’; se cómpren batallas culturais, por suposto, imos libralas coa forza da razón”.

“O que quixemos deixar claro, como sempre fixemos até o de agora, é que este goberno local non ten ningún tipo de espírito ‘anticlerical’ ou de ofensa, o único que defende é a necesaria separación das institucións públicas e os estamentos da igrexa”, recordou. E subliñou que o
Goberno coruñés “sempre foi respectuoso coas distintas crenzas e desde o primeiro día se axustou ao cumprimento da Constitución, no que ten que ver coa necesaria separación do carácter confesional, cousa que, por certo, non aconteceu con outros gobernos”.

 

O Entroido contra as paixóns tristes