Saltar ao contido

O alcalde lamenta a falta de investimento para proxectos como o Porto Exterior, o dragado da ría ou o aeroporto de Alvedro e agarda “que os coruñeses e as coruñesas non permitan este trato”

O concelleiro de Culturas, José Manuel Sande, critica o freo aos procesos de remunicipalización para “destruír as propostas máis audaces dos gobernos municipalistas”

 

O alcalde da Coruña, Xulio Ferreiro, lamentou o “nulo compromiso” que o PP demostra ter coa cidade da Coruña no seu proxecto de Orzamentos Xerais do Estado. Amosan unha falta absoluta de interese na avenida de Alfonso Molina, no Porto Exterior, no dragado da ría do Burgo ou no aeroporto de Alvedro. Segundo o alcalde, “este proxecto orzamentario é unha labazada para Galicia e para A Coruña particularmente, e os e as coruñesas deberiamos deixar claro que nin imos permitir este trato por parte do Goberno de España”.

Ferreiro advertiu “o difícil que resulta tomarse en serio que o Partido Popular queira ser un partido importante para esta cidade á vista deste proxecto orzamentario. Esperemos que haxa marxe para corrixilo no trámite parlamentario”.

 

O PP, contra a recuperación de servizos

José Manuel SandeNa mesma liña, o concelleiro de Culturas, Deporte e Coñecemento, José Manuel Sande, criticou que o Goberno central introduce unha disposición no seu proxecto de Orzamentos só para frear os procesos de remunicipalización de servizos. “É moi agresiva e incorpórase para destruír as propostas máis audaces dos gobernos municipalistas. Supón unha prolongación máis gravosa se cabe das políticas que levou a cabo o PP durante todo este tempo”, asegurou Sande.

De aprobarse, estas contas públicas seguirían a afogar aos gobernos municipais, a pesar de que a maioría dos concellos reduciron a súa débeda nos últimos anos. Bloquean a contratación de persoal para impedir a recuperación de servizos privatizados, e poñen o pago da débeda por enriba de todo, a pesar de que administracións locais de todas as cores políticas reclaman empregar os seus recursos no que realmente importa: atender á cidadanía.

A este respecto, cómpre lembrar a intervención de Xulio Ferreiro nas Xornadas Municipalistas por un Financiamento Xusto, celebradas en Valencia en febreiro.

Xulio Ferreiro: “O proxecto de Orzamentos do Estado é unha labazada para A Coruña e para Galicia”