Saltar ao contido

Os comentarios están pechados.

Mañá sábado, ás 12.30, celebrarase no Pazo de María Pita o pleno para aprobar os orzamentos, vinculados a unha cuestión de confianza.

O alcalde afirmou que “estamos condenados a entendernos co PSOE, pero neste momento non poden garantir un mínimo de estabilidade, basicamente porque non poden garantirnos a nós nin á cidade o que non poden garantir para si mesmos”

Non foi posible o acordo, a pesar de todo o esforzo invertido na negociación. O PSOE non quixo o entendemento nas cuestións máis básicas. O goberno municipal da Coruña ao completo deu hoxe unha rolda de prensa para explicar os motivos que levan a vincular a aprobación dos Orzamentos para 2017 a unha cuestión de confianza. Mañá, ás 12.30, celebrarase un pleno no que se debate a continuidade do executivo local.

“Fixemos todo o que estaba na nosa man para chegar a un acordo co PSOE. Dedicamos horas, intelixencia e enerxía durante semanas. Con xenerosidade e mirada longa, pero tamén coas ideas claras”, explicou o alcalde, Xulio Ferreiro. Logo da ruptura dun acordo que estivo moi preto, e pese á deslealdade do Partido Socialista, continuaron as negociacións durante estes días.

 

O PSOE non quixo apoiar a Área Metropolitana, a Mobilidade Sostible nin a defensa da fachada marítima

O goberno municipal ofreceuse a incrementar de tres a catro o número de concelleiros e concelleiras socialistas que colaboraría na execución de proxectos concretos dos orzamentos. E, en cumprimento do mandato da Rede, púxose sobre a mesa un acordo de mínimos. Pedíuselle ao PSOE o seu compromiso de apoiar tres grandes asuntos que deberan ser de consenso, e que non hipotecaban a súa  lexítima autonomía como partido:

  1. O impulso da Área Metropolitana da Coruña, deixando para un debate posterior as súas competencias, o seu financiamento, a súa gobernanza.
  2. O cambio do modelo de mobilidade cara a un máis sustentable, seguindo a filosofía do Plan Rueda.
  3. E a defensa da titularidade, a xestión e a iniciativa públicas na transformación dos terreos portuarios, na liña das negociacións iniciadas coa Autoridade Portuaria e Puertos del Estado e da moción presentada polo propio PSOE no Pleno da Corporación.

Negáronse en rotundo. Por iso non queda outra que convocar a cuestión de confianza. O bloqueo chegou demasiado lonxe.

E como funciona a cuestión de confianza? Se os Orzamentos obteñen este sábado o respaldo da maioría do pleno, serán aprobados sen cambios. Pero se son  rexeitados, a oposición terá 30 hábiles —uns 40 reais— para presentar un candidato ou candidata alternativo á alcaldía e substituír ao goberno municipal. Neste tempo, o executivo local estaría en situación de absoluta provisionalidade.

Para tumbar ao goberno,  PP e PSOE terían que pactar dalgún xeito entre eles. Se non o logran, unha vez pase o prazo voltamos á casilla de saída e os orzamentos aprobaríanse igualmente. Pero parte do dano xa estaría feito. De novo, as contas municipais chegarían máis tarde do que precisa a cidade. Con esta medida, a Marea Atlántica pon a súa acción de goberno sobre a mesa coa intención de rematar, de vez, co bloqueo político ao executivo municipal, e convida a toda a cidadanía a asistir mañá ao Salón de Plenos de María Pita.

photo_2017-02-03_16-25-41

 

Fonte ao respecto e xenerosidade, deslealdade e trampas

Tal e como lembrou o alcalde, “cando a crise do PSOE na Coruña se agravou coas sucesivas dimisións de José Manuel Dapena como portavoz do grupo municipal e de Mar Barcón como secretaria xeral da agrupación, este goberno municipal foi respectuoso e xeneroso coas súas circunstancias. Démoslle tempo e agardamos a que se recompuxese minimamente para reiniciar as conversas. A cambio, o PSOE compensounos cunha negociación inzada de trampas e mostras de deslealdade como a comparecencia do pasado xoves, na que se daban por feitos extremos do acordo que nunca estiveran pechados. Deslealdade que se confirma hoxe, cando revelan definitivamente que non queren asumir ningún compromiso co goberno municipal, tratando de estar ao mesmo tempo no goberno, xestionando proxectos, e na oposición”.

O goberno municipal estaba disposto a compartiro co PSOE o liderado e a execución de proxectos como o Clúster da Saúde, a Cidade da Música, o Distrito Mallos e o programa de emprendemento tecnolóxico, programas que nalgún caso superan o millón de euros. A cambio, o PSOE non se comprometeu nin sequera a desenvolver a filosofía dun plan de mobilidade, o de Salvador Rueda, que eles mesmos impulsaron no seu día. Tampouco a apoiar no Pleno o inicio do procedemento administrativo para a constitución da Área Metropolitana nos mesmos termos en que o fixeron os alcaldes socialistas de Culleredo, Bergondo ou Betanzos.

Quen non ten estabilidade, non pode garantila

“Estamos condenados a entendernos co PSOE, pero neste momento non poden garantirnos un mínimo de estabilidade, basicamente porque non poden garantirnos a nós nin á cidade o que non poden garantir para si mesmos. A nosa man, en todo caso, está tendida para o futuro”, engadiu Xulio Ferreiro. O alcalde, agradeceu o esforzo das persoas que participaron na negociación, especialmente a de Florencio Cardador, “que amosou unha disposición e unha capacidade para o diálogo que por desgraza non é maioritaria neste momento no seu partido”.

Ao PSOE quédanlle por diante decisións difíciles. A primeira téñena que tomar mañá ás 12.30h no Salón de Plenos. Agardemos que a súa crise non estrague o proceso de cambio que se iniciou en maio de 2015. E que non teñan a tentación de empregar A Coruña como un banco de probas.

Motivos da cuestión de confianza: o imposible acordo co PSOE