A Comisión Aberta da Defensa do Común (CADECO) convoca o vindeiro 30 de maio unha manifestación para reclamar que non vendan o porto da Coruña.
Sairemos ás rúa para exixir Inés Rey, Feijóo e o ministro Ábalos deixen de xogar aos cromos con porto da Coruña intercambiando promesas de tren a Langosteira a cambio de vender os terreos portuarios propiciando, outra vez, a especulación inmobiliaria fronte aos intereses xerais da cidadanía.
A condonación da débeda e a infraestrutura ferroviaria son posibles sen non hipotecar o futuro do porto e da cidade.
Se en Valencia foi posible, na Coruña tamén
A Autoridade Portuaria da Coruña asumiu un préstamo de 200 millóns de euros con Puertos del Estado para pagar as obras en Langosteira, consideradas de interese xeral. O crédito ten intereses abusivos, dez veces máis que o do Banco Europeo de Investimentos, e supón, con diferenza, a principal fonte de ingresos financeiros de Puertos del Estado, por iso non quere renunciar a el. O porto coruñés pagou xa case 40 millóns só de intereses, sen amortizar un euro.
Pola contra, en Valencia existía unha débeda portuaria de 400 millóns, derivada de pagar a Copa América e a Fórmula 1 que se organizaron en tempos de Francisco Camps e Rita Barberá. Grazas ao compromiso das forzas políticas propias e á súa defensa do interese xeral, conseguiuse a condonación completa. É o mesmo trato que pedimos para A Coruña pero, por desgraza, aquí a alcaldesa e o presidente da Xunta prefiren xogar ás promocións inmobiliarias.
Respecto aos consensos sobre o bordo litoral
A condonación da débeda do porto, e o mantemento da titularidade e xestión pública dos peiraos, son reclamacións que forman parte dos consensos cimentados na Coruña nos últimos anos, desde a mobilización social e co apoio do goberno de Xulio Ferreiro. Foron ratificados en numerosas ocasións polo Pleno municipal, a Deputación e o Parlamento de Galicia, e por 5.000 persoas na manifestación de maio de 2017.
Desde a Marea Atlántica, coma o primeiro día, seguiremos a defender:
Condonación da débeda portuaria para levantar a hipoteca sobre os peiraos interiores, tal e como se fixo en Valencia.
Uso e titularidade públicas dos terreos portuarios. Nada de vender solo para especular.
Financiamento do tren a Punta Langosteira para facer viable o porto exterior. Pode optar a fondos europeos Next Generation.
Que o porto siga a ser un porto: protexamos a lonxa, a pesca e a economía do mar. Non estraguemos un motor de riqueza e emprego e un símbolo da Coruña.
Os terreos en desuso deben mellorar a cidade: espazos libres, zonas verdes, mobilidade sostible, equipamentos.
Participación cidadá, nada de agochar as decisións en despachos.