Esixímoslle ao PP e ao PSOE que pidan desculpas polas súas desfeitas urbanísticas, que lle custaron ao Concello 25 millóns só desde 2015. A factura total, sumando casos anteriores, rolda os 43 millóns de euros.
O concelleiro Xiao Varela recorda que, por contra, “esa mesma foi a cantidade que a Marea Atlántica logrou gañar este mandado en fondos europeos para a cidade”.
A Marea Atlántica convida a PSOE e PP a pedir perdón polas desfeitas urbanísticas cometidas durante as súas etapas á fronte do goberno local da Coruña, unhas actuacións nas antípodas da xustiza e a equidade social, que lle custaron ao Concello da Coruña, a toda a veciñanza, 25 millóns de euros nos últimos catro anos, como consecuencia de varias resolucións xudiciais. A factura total das irregularidades urbanísticas herdadas rolda os 43 millóns de euros, sumando casos que se resolveron en anos anteriores.
Entre 2015 e principios de 2019, o goberno municipal tivo que asumir o pago de algo mais de 8 millóns de euros en concepto, na súa gran maioría, de indemnizacións e execucións de sentenzas por actuacións urbanísticas levadas a cabo polos executivos anteriores. A esta cifra haberá que sumarlle agora o pago de 3 millóns de euros para evitar o derrubo do edificio Conde de Fenosa —que tería suposto a bancarrota para as arcas municipais—, ademais dos case 14 millóns de euros que aínda ten que aboar o Concello en concepto de indemnizacións polos procesos de expropiación levados a cabo polo executivo socialista no Castro de Elviña a comezos da década do 2000. En total, case 25 millóns de euros, os mesmos que, por contra, o goberno da Marea Atlántica logrou captar este mandato en fondos europeos para políticas públicas.
A mochila de socialistas e populares é moi pesada, demasiado como para dar leccións a ningún outro goberno local e, menos aínda, ao da Marea Atlántica, que nestes catro anos en María Pita investiu moitos esforzos e recursos para minimizar as consecuencias de quen xestionou pensando nos intereses duns poucos na vez dos da maioría.
“Nesta campaña electoral, sería bo que tanto o PP como o PSOE explicasen aos e ás coruñesa cal é o seu plan para evitar os prexuízos que as súas desfeitas lle causaron á cidade, cartos que perdemos para mellorar os barrios e a vida da veciñanza”, comenta o concelleiro de Rexeneración Urbana, Xiao Varela.
Ningunha lección destes “bos xestores”
“Cando, ao longo deste mandato municipal, sistematicamente, bloquearon ou, no mellor dos casos, atrasaron a aprobación do orzamento municipal, eran conscientes das millonarias indemnizacións ás que hoxe en día aínda ten que facer fronte a cidadanía a través do Concello?”, inquiriu. “Cando se enchen a boca falando dunha falsa parálise no urbanismo desta cidade nunca pensan en que, aínda hoxe, os servizos urbanísticos municipais traballan para poñer en orde todo o que deixaron desfeito?”, reflexiona, ao fío do traballo realizado este mandato para impedir a poxa pública da Solana e na defensa dos peiraos interiores da cidade de cara a garantir a súa xestión e uso público.
“Ademais das indemnizacións máis inmediatas, como a do Conde de Fenosa, que deberemos executar en breve e que, con todo, libra ao Concello dun prexuízo aínda maior, de ata 60 millóns de euros que podería ter paralizado servizos públicos, o goberno local está inmerso en moitos outros procesos xudiciais cuxas consecuencias para as arcas públicas aínda non podemos cuantificar”, salienta Varela, que recorda outras sentenzas en cuxa execución se está a traballar, como a relativa ao edificio de San Roque de Fóra ou a gasolineira de Alfonso Molina. “En ambos casos estamos a falar de licenzas ilegais, a primeira concedida polo goberno de Francisco Vázquez e a segunda, polo de Carlos Negreira, as dúas, sentenzas sobre as que xa pesa firmeza”, apunta, para evidenciar que, “estas actuacións non só custan cartos públicos se non que xeraron verdadeiros dramas persoais”.
“Pero, á vez que tratamos de minimizar as consecuencias das accións pasadas, o goberno local da Coruña traballou, traballa e seguirá traballando a partir de maio en dar solucións”, expón Varela, número 3 na candidatura da Marea Atlántica, que recorda que “foi nesta lexislatura na que se conseguiu evitar a derruba do Conde de Fenosa e poñer fin a un litixio de 20 anos, e tamén poñer os vimbios que posibilitaron que as primeiras familias puidesen xa entrar a vivir no Ofimático, despois de medio século de conflito urbanístico”. “O PP e o PSOE non só non desenvolveron políticas de vivenda, senón que, o urbanismo depredador que favoreceron, agora ten que ser pagado pola cidadanía. Mentres, nós apostamos por unha política de vivenda digna na que seguiremos afondando no seguinte mandato, facilitando o acceso á vivenda do colectivos con maiores dificultades de acceso, dende a mocidade, ás maiores e ás mulleres e apostando polas políticas de rehabilitación”, avanza.
Unha xestión ‘demasiado cara’
Varela recorda que as indemnizacións derivadas da mala praxe urbanística en épocas pasadas que agora ten que afrontar o Concello “son só a punta máis visible dun grande iceberg”. Así, recorda outros procedementos que tamén causaron graves prexuízos ao erario público, como o da planta de Nostián, na que o Concello estivo pagando de forma anual 3,3 millóns por un desequilibrio económico que o xulgado desestimou en 2018.