Este venres, 9 de outubro, ás 20.00 horas, o alcalde e todas as concelleiras e concelleiros do goberno da Coruña renderan contas e falarán coa cidadanía
Hai algo máis dun ano que naceu a Marea Atlántica, unha candidatura de confluencia, impulsada pola cidadanía, coa fin de tomar as institucións e devolverllas á xente común. Hai algo máis de cen días que conseguimos ese obxectivo, formamos un goberno en María Pita que xa abriu as portas e ventás do concello, que exerce obececendo e escoitando á veciñanza.
No noso programa electoral establecemos 25 medidas sobre as que traballar prioritariamente nos primeiros cen días de goberno. E niso estamos, unhas xa foron cumpridas, outras camiñan nas súas distintas etapas de desenvolvemento e algunha se enfronta cos atrancos das leis estatais e dos convenios e acordos dos gobernos do pasado.
Pero non só iso. Nas diferentes áreas de goberno apareceron novas prioridades e asuntos do día a día e de urxencia que tamén deberon ser atendidos. Temas mediáticos e outros máis silandeiros.
A Marea cumpre, e rende contas. O venres 9 de outubro no paraninfo da UDC queremos falar coa veciñanza. Trátase dun acto bidireccional. Explicaremos o que se fixo neste tempo e cederémosvos a palabra para coñecer as vosas impresións e respostar ás vosas preguntas.
O equipo de goberno ao completo vai dar a cara e compartir estes cen días cheos de actividade, de problemas e de ilusións. A Marea é democracia participativa. Contamos contigo. Contamos convosco. Onte coma hoxe, hai marea.
Queres máis información? Velaquí o tríptico con todos os datos sobre o acto