A prórroga unilateral das contas por parte do PSOE deixa ducias de entidades sociais, veciñais e deportivas na incerteza, sen saber se os seus convenios terán continuidade
María García: “Son as consecuencias reais de que Inés Rey se negue a dialogar cunha oposición disposta a aprobar un novo orzamento adaptado á crise”
O grupo da Marea Atlántica lamenta fondamente que o Concello da Coruña vaia entrar no ano 2021 sen orzamentos, cun recorte de 16,8 millóns de euros nos fondos dispoñibles, e con ducias de entidades sociais sen convenio nin garantías de telo. “Son as consecuencias, reais e palpables, de que o goberno de Inés Rey se negue ao máis elemental: dialogar cunha oposición que está a ser exemplar e se atopa disposta a facilitar a aprobación dunhas novas contas adaptadas aos tempos que vivimos”, sinala María García, a nosa voceira.
A prórroga do Orzamento 2020, que irá mañá á Xunta de Goberno Local, terá consecuencias inmediatas en canto remate o ano. A primeira, polo que se pode saber coa documentación incompleta achegada polo executivo do PSOE, será a baixa de 16,8 millóns de euros, dos que 11,1 corresponden a investimentos (capítulo VI).
A segunda será que en canto remate o mes de decembro caducarán todos os convenios que o Concello ten asinados, o que deixará a ducias de entidades sociais, veciñais e deportivas na incerteza, sen saber se contarán o ano vindeiro cos recursos que precisan para desenvolver a súa actividade. Como explica a nosa voceira, “é urxente aprobar un anexo de convenios, aínda que só sexa un parche. No Pleno do 3 de decembro, o portavoz do goberno, José Manuel Lage, anunciou que comezaría a negociar un, pero aínda non recibimos nin a primeira chamada”.
Balance dun goberno en minoría absolutista
María García sinala a incoherencia de ter una oposición disposta a dialogar e un goberno encerrado en si mesmo, “pois carecer duns orzamentos tamén é carecer de ideas, da reflexión, de debate e dunha aposta política para o novo ano. É a primeira vez na historia recente desta cidade que A Coruña queda sen orzamentos non polo bloqueo da oposición, senón porque Inés Rey non quere alianzas. Goberna en minoría absolutista”.
A nosa voceira sinala que “vai rematar un ano marcado pola pandemia, no que se perderon máis de 50.000 vidas no Estado, máis de 300 só na área da Coruña. No que as representantes políticas tivemos que estar á altura do desafío, e desde a Marea Atlántica procuramos facelo, permitindo a aprobación do Orzamento 2020, de novas ordenanzas fiscais, dun plan de choque contra a pandemia e de varios modificativos”.
Pese a todo isto, a alcaldesa e o seu equipo non estiveron á altura. Limitáronse a mover fichas dentro do goberno, incorporando a unha tránsfuga de xeito ilegal e cesando a unha compañeira de partido, sen que a cidade percibise resultados políticos. Remata o ano cunha baixísima execución orzamentaria, con máis de 3.000 axudas de emerxencia no limbo desde hai meses e promesas incumpridas a moreas.
“Como propósito de aninovo, convidamos a Inés Rey a mudar o rumbo, comezando por aplicar antes do 31 de xaneiro novas bonificacións fiscais e convocar a Mesa de Traballo cos sectores máis afectados, segundo se comprometeu coa Marea Atlántica e o BNG o 10 de decembro”, conclúe a nosa portavoz municipal.