Saltar ao contido

Celebramos dous anos de municipalismo. 24 meses desde o 24 de maio de 2015,  cando as eleccións municipais fixeron posible un goberno da Marea Atlántica en María Pita

“Nestes dous anos, resolvéronse demandas históricas e puxéronse por diante, como nunca antes, políticas en favor da xente común e non de intereses particulares. A Coruña xa non é noticia pola corrupción, senón por ser un modelo en novas formas de goberno, un referente en políticas culturais, igualitarias ou de participación cidadá”. Son palabras de Xulio Ferreiro, un balance dos 24 meses transcorridos desde o 24 de maio de 2015, desde as eleccións municipais que fixeron posible un goberno da Marea Atlántica en María Pita.

photo_2017-05-23_18-50-24O alcalde lembrou medidas como a compra de pisos baleiros para garantir o acceso a unha vivenda digna por parte dos colectivos que teñen problemas para conseguila, a pioneira Renda Social Municipal,  a dignidade nas rúas coa aplicación da Lei de Memoria Histórica ou o Plan de Acceso a un Hábitat Digno.

Os feitos do cambio

“Levamos tamén a cabo obras en todos os barrios da cidade, sobre todo nos máis esquecidos historicamente, nunha aposta pola proximidade, e traballamos pola dinamización dos mercados municipais”, recordou. “Acumulamos ducias de feitos reais, que amosan que existe un cambio que, á vez, tamén favorece a actividade económica”, reflexionou o primeiro edil, que puxo como exemplo desa mellora a rebaixa do paro rexistrado na cidade, así como nos bos rexistros en canto a número de visitantes ou as cifras do aeroporto de Alvedro,  a terminal que máis medra  en toda Galicia.

photo_2017-05-23_18-50-16Ferreiro salientou que “a realidade é a que é, a xente a coñece, e dende logo está lonxe das ideas irreais que se intentan transmitir desde o Partido Popular, por exemplo”. Con respecto á actividade municipal, explicou que “o Goberno funciona ao 100%, aínda que non temos as cousas doadas por estar en minoría. Con demasiada frecuencia, non houbo unha actitude acorde ao voto que se nos deu na investidura”.

“Vímolo cando tivemos que facer fronte a uns orzamentos aprobados en maio, con cambios de 10 millóns de euros o ano pasado, e con recortes de investimentos neste 2017“. Por iso,  Ferreiro manifestou “a necesidade de entendemento entre as forzas que teñen un proxecto alternativo pensado para as maiorías sociais e non para uns poucos”.

Celebrando o EIDUS

A celebración dos dous anos da primavera municipalista de 2015 coincide coa nova da concesión de 15 millóns de euros de fondos europeos para a estratexia EIDUS da Coruña. Este proxecto de desenvolvemento urbano sostible encaixa coa estratexia de Coruña Próxima e vai supoñer unha aposta polo coidado do espazo público, o emprego, a loita pola xustiza social e a mobilidade sostible.

Nesta última área “fixemos moito traballo que agora se comezará a ver, xa que se abordará o proxecto de construción do carril bici metropolitano, haberá moitos máis quilómetros de carril bici na cidade e iniciaremos a transición ao parque de bicicletas eléctricas, o que favorecerá a mobilidade sostible”, concluíu o alcalde.

Xulio Ferreiro: “A Coruña é un modelo de novas formas de goberno. Xa non é noticia pola corrupción”