Saltar ao contido

A nosa proposta para as ordenanzas fiscais: levar ao límite as competencias municipais para unha distribución máis equitativa dos impostos. Para que, como é xusto, contribúa máis quen máis ten

O goberno da Marea Atlántica no Concello da Coruña elaborou unha proposta de modificación das ordenanzas fiscais municipais, que está a ser debatida cos grupos da oposición. O seu obxectivo é aproveitar ao máximo as estreitas marxes que a normativa estatal lles deixa aos municipios, na procura dunha fiscalidade máis xusta e equitativa.  De haber acordo, este documento servirá como base para construír os orzamentos de 2016, tendo claro o nivel de ingresos dispoñible para elaborar políticas eficaces e realistas.

 

IBI

Con respecto ao Imposto de Bens Imobles (IBI), unha das maiores fondes de ingresos para as arcas municipais, a proposta é conxelar, en xeral, os tipos para inmobles rústicos e urbanos. Fican no 0,6%, mentres se aplican medidas para unha maior xustiza fiscal.  Por exemplo, aumentar a bonificación para as familias numerosas, ata o máximo legal permitido, e facela progresiva por nivel de renda, non por número de fillos e fillas. Ata o de agora, o máximo estaba no -60%, no caso de ter oito descendentes, sen mirar para nada o nivel económico. Para 2016, propoñemos chegar ao -90% para as familas con menos recursos. Tamén levaremos ata onde permite a lei a bonificación a vivendas de protección oficial: -50% durante sete anos, en lugar dos cinco que se aplican actualmente.

Coa mesma idea de equidade, o goberno da Marea aposta por reducir o desconto que reciben os inmobles das construtoras e promotoras inmobiliarias, que agora están exentos de pagar o 90% do IBI. En 2016, tentarase reducir esta bonificación ata o 50%, xa que a lei non permite acurtala máis.

Tamén se pretende tratar os inmobles de portos e aeroportos comerciais como calquera outro Ben Inmoble de Características Especiais. Só a lonxa e outras actividades pesqueiras recibirán reduccións especiais.

Entre as prioridades tamén está incrementar do recargo do IBI para vivendas baleiras do 25% actual ata o 50% que é, de novo, o máximo legal permtido. Porén, esta medida non se poderá aplicar ata que a Xunta de Galicia e o Goberno Central fagan os deberes. A Lei Reguladora das Facendas Locais permite penalizar os  “inmobles de uso residencial que se atopen desocupados con carácter permanente”, pero aínda está sen definir que se entende por “desocupado con carácter permanente”. Iso trascende as competencias do Concello.

 

Auga

O dereito a auga, recoñecido pola Unión Europea, debe reflectirse na política tributaria municipal. A intención do goberno da Marea é reducir a parte fixa do recibo de Emalcsa, para que pague menos quen menos consume. Propón medidas sociais que garantan que ningunha persoa fique coa billa seca: os beneficiarios da Risga non deberían aboar nin un euro polo servizo de augas, e as familias con menos recursos terán reduccións de entre o 75% e o 50%.  Tamén se introduce, por motivos medioambientais, un recargo para os negocios e empresas que consuman máis de 200 metros cúbicos de auga ao mes.

 

Vehículos

A respecto do Imposto de Vehículos de Tracción Mecánica, o goberno propón introducir a progresividade e bonificar os baixos niveis de emisións. Os automóbiles menos potentes pagarán menos, e os máis contaminantes terán un recargo. Manteránse os tipos para os motores intermedios e os coeficientes aplicables a autobuses, camións, tractores, remolques e semiremolques.

 

Outros impostos

O Goberno da Marea, pensando nos propietarios de vivendas con menos recursos, propón ata un 50% de bonificación na taxa municipal sobre construcións, instalacións e obras cando se realicen en vivendas protexida e de ata o 70% da cota, co límite de 2.000€, para as obras que se declaren de especial interese municipal por fomento do emprego. Todos somos veciñanza.

Os establecementos comerciais non terán que aboar a taxa municipal en caso de traspaso, cesión ou transmisión da titularidade a condición de que se manteña a mesma actividade. Eliminaránse os custos municipais na apertura do establecemento, xusto cando máis o necesita o empresario. Apoiar as iniciativas empresariais é un ben común.

 

Opcións de pagamento

Hoxe, existen opcións para adiar ou fraccionar o pagamento das débedas tributarias co concello, pero só estan dispoñibles cando a cantidade a pagar é superior aos 15.000€.  A proposta do goberno da Marea e baixar ese límite ata os 600€, paraque tamén as familias con problemas económicos poidan beneficiarse, e non só os grandes debedores.

Ademáis, introducirase a posibilidade de pagar os tributos municipais que vencen de xeito periódico até en seis prazos, cunha bonificación do 2% para quen escolla esta opción.

Xustiza fiscal no Concello