Novas da Marea

Xuntanzas con Equo, PH e Galiza Mellor Sen Touradas

Segue a rolda de contactos da Marea Atlántica coas diversas organizacións políticas e sociais da cidade da Coruña, de acordo co protocolo publicado hai dúas semanas e na liña de transparencia coa que nos comprometemos daquela. A xornada de onte, mércores 27 de agosto, foi especialmente intensa. Mantivemos tres encontros con Equo, PH e Galiza Mellor Sen Touradas.

Parte da representación local de Equo na Coruña, co seu co-voceiro, Daniel Díaz Grandío, e tres membros máis, un deles da delegación de Mocidade, intercambiaron impresións durante 45 minutos co noso grupo de traballo de Apertura, o encargado desta rolda de contactos. Con boa sintonía e o convencemento da necesidade dun diálogo bidireccional, Equo compartiu o borrador dun documento no que está a traballar a súa organización e no que se recollen os mínimos para a confluencia con iniciativas cidadás como a nosa arredor de tres eixes: listas e primarias abertas, mecanismos revogatorios para os cargos públicos e elaboración aberta e referendada pola cidadanía do programa electoral.

Logo dunha presentación global da proposta da Marea Atlántica, atendemos dúbidas e inquedanzas sobre a repercusión e sensibilidade percibidas na cidadanía, o xeito en que se está a incorporar a xente aos grupos de traballo, o grao de implicación dos partidos políticos e a creación de ferramentas que posibiliten a cooperación. Estamos de acordo en que a colaboración é posíbel dende a diferenza, sobre todo nun contexto municipal, e aclaramos que en ningún caso se propón a disolución das organizacións políticas, senón a súa integración entre iguais, cunhas regras de xogo distintas, nun proceso liderado pola cidadanía. A preocupación polos temas que poderían crear confrontación no futuro e unha exploración sobre os protocolos de toma de decisións e o marco común de mínimos, así como as mareas que se van convocar con carácter inmediato e a vontade de manter aberto o canal de comunicación con nós, pecharon este encontro.

Outra das xuntanzas do día foi coa organización animalista Libera e o seu representante Rubén Pérez, tamén membro de Galiza Mellor Sen Touradas. A súa proposta dunha marea arredor da oposición cidadá ás touradas e, en xeral, ao maltrato animal, en correspondencia coas políticas públicas e dende unha perspectiva transformadora e combativa, foi ben recibida. Esta Marea Animalista arrincará pois a primeira semana de outubro nun lugar pendente de confirmar.

Por último, recibimos a Rubén Sánchez, representante local do Partido Humanista, que sinalou tamén a sintonía da súa organización coa proposta da Marea Atlántica, entregou un comunicado de adhesión e expresou a súa vontade de diluírse no proceso. Como activista polos dereitos dos migrantes e veciño da Agra do Orzán, compartiu tamén a súa preocupación polo risco de que as loitas se dupliquen ou se solapen. Lembrámoslle que un dos principios da Marea Atlántica, recollido no protocolo de relación con axentes colectivos, é precisamente o da cooperación con colectivos xa existentes, así expresado: “A marea non desenvolverá ningunha iniciativa nin ferramenta que xa fose activada por outros axentes colectivos no mesmo contexto, senón que cooperará con eles”.

Have your say