Novas da Marea

Xuntanza con Compromiso por Galicia

A rolda de contactos da Marea Atlántica con organizacións políticas e sociais continúa. O venres 5 de setembro celebrouse o encontro con Compromiso por Galicia. Cinco membros da formación, entre eles Xoán Antón Pérez-Lema, secretario xeral do partido na Coruña, e o secretario comarcal da Mocidade Nacionalista Galega, Alejandro Lorenzo, participaron nesta primeira toma de contacto con compoñentes do grupo de traballo de Apertura da Marea Atlántica.

Ben informados do proceso desenvolvido ata agora, Compromiso alude ao seu chamamento, expresado en termos moi parecidos aos do manifesto da Marea Atlántica, no mes de xullo. Esa proposta, enviada aos medios, tiña tres partes centrais no seu discurso: necesidade de mecanismos de participación e transparencia; blindaxe dos servizos sociais públicos, incidindo na súa calidade; e impulso de políticas económicas de emprego e calidade.

A valoración do proceso da Marea Atlántica é positiva, entendido este como “de acumulación” e progresiva estruturación, de máximos en transparencia e mínimos en contidos. Compromiso e a Marea Atlántica falan das perspectivas do proceso no outono, dende a personalidade xurídica á convocatoria da Marea Viva.

Compromiso aposta polo entendemento entre núcleos amplos da sociedade, coa vocación de ceder o liderado á cidadanía. Este xeito de “dar un paso adiante e de intentar estar xuntos” é tamén unha defensa da disolución ou integración na Marea, un proceso de confluencia posible entre todos, a título individual e sumando forzas.

Have your say