Saltar ao contido

Segue a rolda de contactos da Marea Atlántica con agrupacións políticas e sociais. O 1 de setembro era a data fixada para o encontro coa organización local de Anova, representada por Mario López Rico, Iria B. González e Ramón López Verdini, nunha xuntanza con membros do noso grupo de traballo de Apertura. Despois dunha explicación do funcionamento, estado do proceso e relatorio dos vindeiros pasos da Marea, recibimos unha resposta moi favorable, de absoluta sintonía, por parte de Anova. Un entendemento de/co proceso, expresado na coincidencia co apuntado polo grupo promotor no intre de se publicar o manifesto, engadindo que é unha aposta pola suma non entendida como sopa de siglas —acordan non entrar como Anova— nin como fórmula de frontismo clásico, senón a título individual, como confluencia cidadá.

Anova lembra que leva tempo falando de frontes amplas e/ou estratexias de converxencia e que no caso da Marea Atlántica: “Fostes os primeiros, foi unha decisión tomada no sentido correcto”. Nesta liña fixeron entrega de dous documentos distintos, por unha banda dous acordos, un pertenecente á asemblea local da agrupación con data 17 de xuño e outro procedente da Coordinadora Nacional con data 12 de xullo, e por outra un comunicado de apoio e chamamento á participación a partir da formulación feita pública pola Marea Atlántica. Todos os documentos ratifican o comentado.

Por último, por parte da Marea exprésase a necesidade de manter a interlocución e o contacto coas organizacións, tanto para abordar as diferenzas que poidan xurdir como pola importancia que considera vai ter na segunda fase do proceso, a posta en común do traballo das mareas sectoriais e de barrio.

Xuntanza con Anova