Novas da Marea

Xuntanza coa Federación de Anpas da Coruña

A Marea Atlántica continúa coa súa rolda de contactos con organizacións sociais e políticas que teñen actividade na cidade e a súa contorna. O pasado xoves 23 de outubro, no seu local, situado no número 21 da rúa Orzán, un edificio modernista de 1906 que acubillou as primeiras escolas municipais da cidade, tivemos ocasión de reunirnos coa Federación Provincial de Anpas de Centros Públicos da provincia de A Coruña (Fanpas), unha organización cunha gran traxectoria no eido educativo na nosa comunidade.

Como vén sendo habitual, o grupo de traballo de Apertura fixo a presentación da Marea Atlántica, explicando como foi o proceso ata o de agora, os obxectivos que se perseguen e como se está a organizar. Falouse de que a intención é que as persoas participen no proceso de xeito individual e aporten as súas ideas e propostas para que o proxecto sexa o reflexo do sentir popular.

A Federación de Anpas aclarou que a súa organización é apartidaria, e que as súas reinvindicacións pasan por unha escola pública, progresista, laica e de calidade. Tamén explicaron brevemente como é a súa organización e a súa traxectoria na cidade, para entrar de cheo na situación da educación na actualidade, con recortes, a redución de docentes e especialistas, os problemas nos comedores e a aplicación da Lomce, unha lei “que nos leva de volta de 1950, cando tiñamos que estar a pensar na escola de 2050”.

Comentaron que a Federación de Anpas ten dende hai moitos anos un convenio co Concello da Coruña para a xestión de actividades extraescolares, e que o goberno municipal actual mantivo ese acordo malia a estar tentado a eliminalo o primeiro ano. A intención da entidade é que ese convenio non só se manteña, senón que se mellore.

Despois destas explicacións, Fanpas explicou cales serán as súas demandas prioritarias no momento en que a Marea Atlántica chegue a María Pita. Propoñen a apertura dos centros públicos fóra do horario lectivo para o uso da cidadanía e xestionados polas propias asociacións dos barrios, o que consideran que “é un xeito de integrar os centros no barrio e que a comunidade os considere propios”, ademais de cubrir as carencias en instalacións deportivas públicas e abertas que padece a cidade.

Tamén piden que, posto que os centros de secundaria non teñen comedores, que se escollan centros de referencia para que o alumnado poida acudir a eles para comer, e solucionar así en parte o grave problema de malnutrición infantil que afecta a todo o estado. Nesta liña, piden que se abran os comedores escolares tamén no verán. Por último, apelan a que o Concello participe na solidariedade, pasando a xestionar os bancos de libros, algo que actualmente fan as anpas, e que colaboren activamente nos bancos de alimentos.

Pola súa parte, a Marea Atlántica agradeceu as propostas e invitou as persoas que forman parte da Federación de Anpas a participar na Marea de Educación, que se celebrou o sábado ás 12.00 na Praza de Pontevedra, e tamén na propia Marea Atlántica para levar adiante as propostas educativas que sexan necesarias para a nosa cidade.

Have your say