Concello

20161217-alcalde-anton-gomez-reino-2

Xulio Ferreiro pídelle ao Goberno do Estado que non esqueza a humanización da Vedra

O alcalde da Coruña mantivo un encontro co deputado no Congreso Antón Gómez-Reino, sobre as contas pendentes coa cidade nos Orzamentos Xerais do Estado de 2017: A reforma da Vedra, AVE, tren de proximidade, saneamento da Ría do Burgo… Promesas incumpridas ano tras ano

Xulio Ferreiro, alcalde da Coruña, e Antón Gómez-Reino, deputado do Congreso por En Marea, mantiveron hoxe un encontro no Pazo de María Pita para sinalar as contas pendentes que o Goberno de Mariano Rajoy ten coa cidade da Coruña, e que deberan ter reflexo nos Orzamentos Xerais do Estado para 2017.  Trátase de investimentos tan importantes como a humanización da vedra, o ferrocarril de proximidade, o AVE, a conexión co Porto Exterior ou o saneamento da Ría do Burgo. Actuacións sempre prometidas e nunca cumpridas, que acumulan décadas de atraso nalgúns casos.

“Entre as nosas necesidades inmediatas está a de levar adiante as obras de humanización da Avenida de Alfonso Molina, onde xa acadamos un acordo co Goberno central para que modificara o proxecto inicial, para converter nunha avenida urbana o que antes era unha autopista polo medio da cidade. Porén, o proxecto semella esquecido desde que Ana Pastor abandonou o Ministerio de Fomento. Esperamos que se reactive en breve”, sinalou Xulio Ferreiro.

“Así mesmo, falamos da necesidade da conexión ferroviaria co Porto Exterior, do investimento na Estación Intermodal e da conexión coa Meseta a través da Alta Velocidade. Tamén é tempo de que os Orzamentos do Estado aposten polo tren de cercanías”, engadiu o alcalde. No encontro lembrouse, ademais, a necesidade dun compromiso serio coa rexeneración da Ría do Burgo. Sempre ten unha partida nos Orzamentos, e sempre remata o ano sen executarse.  Antón Gómez-Reino comprometeuse a defender estas necesidades da Coruña desde o Congreso dos Deputados.

En defensa do sector pesqueiro

Doutra banda, Ferreiro e Gómez-Reino fixeron un chamamento ao Goberno central para que escoite as demandas do sector pesqueiro da cidade: “Nin Madrid nin a Xunta poden deixar desatendidos aos nosos pescadores, como ocorre no Muro por mor do recorte nas cotas de xurelo”, sinalou o deputado de En Marea.

Have your say