Saltar ao contido

Estará xunto a Ianis Varoufakis, Toni Negri, Gerardo Pisarello e outras voces críticas de toda Europa. Ao longo do día debaterán as bases do Movemento pola Democracia en Europa, que aspira a reforzar a unión do continente e evitar a súa desintegración a mans das forzas da austeridade

Xulio Ferreiro, en representación da Marea Atlántica, participará este martes en Berlín no lanzamento do Movemento pola Democracia en Europa (DiEM 25) impusado polo ex-ministro grego de Economía, Ianis Varoufakis. O actual alcalde da Coruña intervirá nunha serie de debates canda outras voces críticas do continente procedentes do activismo, o pensamento e a política, entre elas as do filósofo italiano Toni Negri e o primeiro tenente de alcalde de Barcelona, Gerardo Pisarello.

Ao longo do día, no teatro Volksbühne da capital alemá, celebrarase un encontro para debater e fundar as bases deste movemento que aspira a democratizar a Unión Europea para evitar a súa desintegración a mans da ditadura da austeridade. Voces de todas as partes do continente e as Illas Británicas chegarán para cooperar desde diferentes culturas, idiomas, acentos, partidos políticos, identidades de xénero, relixións, na procura dunha noción clara do que debe ser unha boa sociedade.

Xulio Ferreiro participará na segunda mesa redonda da xornada, sobre o marco político e a análise económica na que se moverá DiEM 25, achegando a perspectiva do novo municipalismo de ruptura democrática. Ao longo do día haberá outros dous foros de debate, o primeiro sobre como contrarrestar as forzas que están a levar á división da UE e a ruptura da solidariedade continental; e o último centrado en buscar a unión das forzas da nova política.

Democracia fronte á ruptura

A prioridade inmediata de DIEM 25 é facer máis democrática a UE comezando por unha total transparencia na toma de decisións, coa transmisión en directo por internet de todas as reunións dos consellos de ministros, do Ecofin e do Eurogrupo; e con acceso libre ás negociacións financeiras —xusto o contrario do que se está a facer co TTIP e o TISA—. Avógase, tamén, por unha reorganización urxente das institucións europeas, para poder poñer en marcha políticas de lle fagan fronte ás crises de débedas nacionais, as presións do sistema bancario, o incremento da desigualdade e a pobreza e e o muro que se levanta fronte a refuxiadas e migrantes.

A medio prazo, o movemento aspira a convocar unha asemblea constitucional na que a cidadanía europea poida deliberar o xeito de construír unha verdadeira democracia continental. É unha meta utópica, si, pero non máis que a idea de que pode refundarse o goberno do pobo desde un Estado asfixiado por mercados que non respectan as súas regras e escuros tratados trasnacionais de libre comercio.

O DIEM 25 nace do chamamento a un Plan B para Europa, documento asinado pola Marea Atlántica cpmo colectivo, e por Xulio Ferreiro a título persoal.

A mesa na que participa Xulio Ferreiro desenvolverase de 14.00 a 16.00 horas. O lanzamento oficial de DIEM 25, coas conclusións desta primeira xornada de traballo, será ás 20.30 horas, desde Berlín. Poderá seguirse en streaming.

Xulio Ferreiro participa mañá en Berlín no lanzamento de DiEM 25