Saltar ao contido

O alcalde indica que “nestes meses o equipo de Goberno fixo cousas vitais, como arranxar problemas de saneamento, aínda que a partir de agora, cos Orzamentos Municipais xa aprobados, a actividade será aínda máis visible na rúa”

O alcalde da Coruña, Xulio Ferreiro, fixo hoxe balance deste último ano, ao cumprirse 12 meses desde as eleccións municipais nas que a xente optou polo cambio e propiciou a entrada da Marea Atlántica no Pazo de María Pita. O balance, dixo, é “satisfactorio” pois “o primeiro ano de mandato sempre é o máis complicado, e nós partiamos cun hándicap, que creo que xa temos máis que amortizado, como era o de non ter experiencia na xestión municipal. Nestes últimos once meses sentáronse as bases para o resto da lexislatura e agora, aprobados os novos orzamentos, poderemos poñer en marcha moitos novos proxectos”.

Así, o alcalde sinalou o alto grao de cumprimento do programa co que a Marea Atlántica se presentou ás eleccións:  “A realidade é que despois dun ano temos cumprido o 35% das medidas que presentamos, outro 50% xa está en marcha, e tan só hai un 10/15% nos que aínda non se puido comezar a actuar”.

“A verdade é que é un balance bastante bo, sobre todo se o comparamos co do anterior Goberno local, que só acadou un grao de cumprimento do 15% do seu programa en toda a lexislatura”, reflexionou Xulio Ferreiro. “Neste tempo fixéronse cousas moi importantes, moitas dunha gran carga simbólica, e outras moi necesarias en si mesmas, como é o caso do saneamento da cidade”, comentou Ferreiro.

O alcalde explicou que “non ter aprobado os orzamentos municipais até agora foi un escollo, pero neste momento, coas contas xa aprobadas, verase aínda máis actividade nas rúas da cidade, se ben a acción dun Goberno non se debe medir polas obras”.

Un goberno con sentidiño

En declaracións a Radio Coruña , Ferreiro dixo estar  “moi contento” por ocupar o posto de rexedor. “Ser alcalde é estar coas necesidades e as preocupacións da xente. Eu creo que son cabal, e creo que me rodeo que xente moi cabal. Cando nos presentamos a estas eleccións non o fixemos cun programa utópico, senón cun cargado, como digo sempre, de sentidiño tanto nas súas ideas como nas medidas a executar”, comentou.

“O Goberno local está especialmente orgulloso de ter implentado neste ano novas formas de relación entre o Concello e a cidadanía, con novas canles de participación. A xente pode falar cos e coas súas concelleiras, e creo que iso é importante. Hai un montón de xente que nos di que nunca se reuniu co alcalde, ou que ningún alcalde estivo nunca polo lugar onde vive… Ir alí, falar coa xente, recibila, iso fai que se sinta máis contenta”, dixo.

Xulio Ferreiro: “Nun ano, cumprimos o 35% do programa, e temos outro 50% xa en marcha”