Saltar ao contido

Pediu o voto para En Marea porque “en maio comezamos a gañar” pero “quedan paus e queda xente á que lle dan paus. E non imos parar até quitarllos todos”

O alcalde da Coruña e  cabeza de lista da Marea Atlántica, Xulio Ferreiro, participou o venres 11 de decembro no acto en apoio á candidatura de En Marea para as eleccións xerais, que se celebrou no Paraninfo da UDC . Alí estiveron tamén o rexedor de Santiago, Martiño Noriega; o voceiro nacional de Anova, Xosé Manuel Beiras, a portavoz de Podemos na Coruña, Isabel Faraldo; e os candidatos de En Marea pola nosa provincia, Tone Gómez-Reino e Yolanda Díaz. Ante medio milleiro de persoas, Xulio lembroulles  ás compañeiras e compañeiros de En Marea que “agora tócavos a vós: que non nos paren o reloxo do cambio en Madrid, porque aínda quedan paus e xente á que lle dan paus. Que non nos paren o reloxo, porque se non nolo pararon no Prestige nin no 15M nin en maio, non nolo van parar máis”.

Xulio Ferreiro comezou o seu discurso igual que o fixera neste mesmo Paraninfo hai seis meses, no peche da campaña das municipais: “Cando nos queixabamos dos paus, dábannos máis paus, porque viviramos por riba das nosas posibilidades. Cando mordiamos a lingua e calabamos, dábannos aínda máis paus, porque non nos atrevíamos a tomar o control das nosas vidas. “Se queredes cambiar as cousas”, dicíannos, “presentádevos ás eleccións”. “Mentres, mandamos nós”. E aprendemos que non había outra que quitarlles o pau. E fixémolo. Aprendemos, xuntámonos e fixémolo. Aquí mesmo, en maio, empezamos a quitarlles os paus, empezamos a gañar, empezamos a devolverlle á xente o que é da xente”. Pero “estamos aquí de novo, porque quedan paus e queda xente á que lle dan paus. E non imos parar até quitarlles todos os paus o ano que vén, señor Feijóo, non imos parar”.

“O 20D, xógamonos todo outra vez”

MOA7822-720x480Xulio insistiu en que “as do 20 de decembro non son unhas eleccións máis, non son unhas eleccións calquera.  Xogámonos todo outra vez. Xogámonos o futuro da xente, o futuro deste país. O futuro da xente que tivo que marchar porque aquí só lle dan facilidades aos ladróns, aquí as amnistías son para os defraudadores, non para os que cometeron un erro unha vez. O futuro de todas as persoas, coma calquera de vós, que fixeron todo o que se supoñía que debían facer: que traballaron arreo, que suaron, que calaron cando tiñan que calar, que aforraron, privándose dunha vida máis cómoda porque por un fillo, o que sexa, que aforraron para darlle aos seus unha educación, unha carreira, unha profesión, unha vida digna. Xogámonos o futuro de toda esa xente á que se lle vai a pensión en axudar aos que debían vivir mellor ca eles. O futuro deses fillos e desas fillas aos que non lles cadran as contas, as xeracións mellor formadas da nosa historia, as xeracións peor pagadas da nosa historia”.

E, aínda que non o pareza, nesta cita electoral tamén nos xogamos “as autonómicas do ano que vén, porque de aquí ao outono que vén ten que ser maio todo o tempo. Tense que xuntar a xente, temos que estar xuntos, temos que estar xuntas, para que a onda de ilusión non dea un paso atrás, para que Feijóo, Rajoy, Negreira, Albert Rivera ou quen sexa que lle poña cara á tristeza, ao expolio e á corrupción, sexa quen sexa, dános igual, non deixe de perder como perderon as eleccións de maio e como van perder as eleccións xerais dentro dunha semana”.

Tamén está en xogo “o que gañamos en maio,  a autonomía dos gobernos rebeldes, a Renda Social Municipal da Coruña, as medidas de transparencia, o laicismo nas institucións, o sentidiño na administración do que é de todos. Xogámonos a porta aberta á participación, un goberno que dá a cara. Xogámonos a Praza das Atoches, a rúa Álvaro Cebreiro. Xogámonos o escano cidadán, os terreos do porto, a avenida que A Coruña merece, xogámonos un plan de emprego de 1,5 millóns de euros, unhas taxas municipais redistributivas, que lle esixen máis a quen máis ten e menos a quen peor o está pasar. Xogámonos o reto de construír unha verdadeira empresa pública de vivenda, non unha xestora de aparcadoiros. Xogámonos unha contratación pública transparente con mirada social, pensada para crear riqueza e emprego dende os concellos atendendo primeiro a quen máis o necesita, a quen menos oportunidades ten”.

Xuntas arredor dun desexo común

MOA7816-720x480Nas  eleccións municipais “demostramos que era posible gañar se estabamos xuntas, se non lle pediamos o carné a ninguén, se falabamos da xente e non dos panteóns, se falabamos a fala da xente. Era posible se xuntabamos cada vez máis persoas arredor dun desexo común, se pensabamos xuntas, se abriamos o programa de transformación da sociedade á intelixencia colectiva. Era posible con primarias abertas, superando vellas fórmulas que nunca nos levaron a ningures máis alá do curto prazo. Iso foi a Marea Atlántica: unha ferramenta nova para loitar polo de sempre, a igualdade de todas e de todos”. Así, as candidaturas de unidade popular estendéronse por “ducias de vilas e cidades”, en Galicia e fóra de Galicia, que foron “sumando unha marea de ilusión que nos deu a vitoria en maio”.

Xulio agradeceu o esforzo diario dos concelleiros do goberno da Marea Atlántica na Coruña, pero lembrou que “non somos nós o importante, O importante é o reloxo. O reloxo da unidade, o reloxo da confluencia, o reloxo da cidadanía en pé, o reloxo da rebeldía democrática, o reloxo do futuro, o reloxo que non para, que non pode parar, que non imos deixar que nolo pare ninguén. Nin en María Pita nin en ningunha outra praza. Nin na Coruña nin en Santiago nin en ningunha outra vila deste país. Yolanda, Tone, Xaime, compañeiras e compañeiros da candidatura de En Marea, agora tócavos a vós: que non nos paren o reloxo en Madrid, que non nos paren o reloxo que aínda quedan paus e xente á que lle dan paus. Que non nos paren o reloxo, porque se non nolo pararon no Prestige nin no 15M nin en maio, non nolo van parar máis”.

“O PP segue a ser unha axencia de colocación”

MOA7539-720x480O alcalde fixo tamén un balance destes primeiros meses no goberno municipal da Coruña, nos que “a oposición quere que xa teñamos arranxado anos e anos de desfeita, de gobernar de costas á xente, de poñer o que é dos máis ao servizo duns poucos, que o remendemos en seis meses. Debe ser que confían moito na nosa capacidade. E agradecémosllelo. Non será polas horas que lle botamos, pero seis meses son seis meses. E en seis meses, outros non se moveron do sitio”.

Neste medio ano “o PP segue a ser unha axencia de colocación. Antes, colocaba amiguetes no Concello da Coruña e agora quere colocar aos que quedaron sen choio nas municipais. A Carlos Negreira na Deputación, a Diego Calvo na Xunta e agora a Miguel Lorenzo no Congreso dos Deputados”.

“E seguimos sen saber se o PSOE  quere ser parte do problema ou parte da solución. Se bailan co PP ou bailan coa xente. Se prefiren especular cunha moción de censura ou están dispostos a poiar uns orzamentos, como os que presentamos no Concello da Coruña, que incrementan o 21,5% o gasto social, que dedican un 32,5% máis ás políticas de vivenda, que destinan 3 millóns de euros a que ninguén pase frío nin fame nesta cidade, que recortan nos salarios do goberno para subir en Medio Ambiente, en Mobilidade. Uns orzamentos que duplican os recursos destinados á Participación e á Atención á Cidadanía, que triplican os fondos para combater a violencia de xénero e facer políticas de igualdade. Uns orzamentos realistas que teñen claro o importante: as persoas primeiro”, asegurou Ferreiro.

E concluiu “seis meses despois seguen igual. Con disfraces novos, pero igual. Impostando a voz, pero para dicir o de sempre. Pasoulles o peor que lle pode pasar á xente que fai política. O peor. Sabedes o que lles pasou ao PP, ao PSOE, ao BNG e a Ciudadanos? Paróuselles o reloxo”.

Vai ser primavera en decembro

MOA7745-720x480Finalmente, Xulio Ferreiro pediulle á cidadanía “que non quede ninguén sen avisar. O 20 de decembro, se nós queremos, vai acontecer outra vez algo incrible. Vai acontecer, porque o imos facer posible nós, coas nosas mans, con Tone, con Yolanda, con Pablo, con Beiras, con moi poucos cartos pero unha ilusión e unha dignidade inmensas, En Marea, vai acontecer o imposible. Vai ser primavera en decembro.  O 20 de decembro vai romper de novo a primavera”

Como xa dixemos en maio, segue a ser certo que “na Coruña, en Galicia, para a xente. Hai Marea!”

Xulio Ferreiro: “Non nos van parar en Madrid o reloxo do cambio”