Saltar ao contido

“A Rajoy acabóuselle o tempo. En todos estes anos non foi quen de rebaixar o paro e de mellorar a calidade de vida da xente. A onda que cambio que comezou nas municipais non pode quedar aí”, indicou nun acto en Madrid, no que foi presentado por Manuela Carmena, alcaldesa da cidade

“Hai que desbancar ao PP, non polo mero afán de sacalo do poder, senón para darlle á xente as políticas que precisa”, dixo

O alcalde da Coruña e cabeza de lista nas eleccións municipais de maio pola Marea Atlántica, Xulio Ferreiro, manifestou este martes, nun almorzo informativo do Fórum Nueva Economía celebrado en Madrid, e no que foi presentado pola alcaldesa Manuel Carmena (Ahora Madrid), que nos comicios xerais do próximo 20 de decembro, a sociedade “xógase moito”. “Estamos ante dúas opcións: a da dereita, que só quere saber quen será o sucesor de Rajoy, se Albert Rivera ou Alberto Núñez Feijóo, ou a opción da vida, darlle unha alternativa a unha gran parte da poboación que ata o de agora non atopa resposta”.

“A Rajoy acabóuselle o tempo, nestes anos xa se viu que non foi quen de cambiar a situación. A xente segue estando en paro, segue en números vermellos, segue a perder calidade de vida. A precariedade e a devaluación interna seguen instauradas non día a día de moitos cidadáns e cidadás”. Por iso, Ferreiro manifestou que a onda de cambio que se iniciou nas municipais do 24M “non pode quedar aí”. “Non vai ficar só nos concellos. Tras as eleccións de maio viuse claramente que a xente quere un cambio. Galicia quere un cambio. As mareas arrebatáronlle o poder ao PP na Coruña, en Santiago e en Ferrol, e acadaron representación en todas as grandes cidades”, recordou. “E agora, Podemos, Esquerda Unida e Anova formaron unha candidatura na que o que nos une está por riba do que nos separa, e por iso conta co noso apoio”, resolveu.

Máis democracia para xestionar o común

Foto: Forum Nueva Economía
Foto: Forum Nueva Economía

“É necesario seguir incidindo en que precisamos máis democracia, máis democracia para xestionar o común. Estou seguro que ese desexo de cambio verase nestes comicios, e tamén nas autonómicas de 2016”, asegurou. “En Marea é unha candidatura plural, que leva nas súas cuestións programáticas liñas de traballo coas que nós levamos traballando dende hai meses. O que pasou en Galicia en maio é o exemplo de que as cousas se poden facer doutro xeito. As forzas que representamos o cambio debemos articular as políticas de maneira diferente. Galicia hoxe fala das mareas como unha forza de cambio, como unha nova forma de facer política da que antes non se falaba. É o momento de poñer en marcha políticas de transparencia e de participación que xa non se poidan mudar, veña quen veña detrás”, insistiu Ferreiro.

“É hora de tomar as rendas do cambio no Estado español, tócalle á xente nova, nova como Manuela Carmena, coma min, como Xosé Manuel Beiras, como Pablo Iglesias… É tempo de dicir que acabou o ladrillo, os enchufes e os espolios. Acabou o capitalismo de amiguetes. Temos que falar de talento, de capacidade, de crear riqueza e emprego de calidade, de impulsar ás universidades públicas, o consumo responsable, unha nova forma de economía. É preciso que se desmercantilicen ámbitos cos que nunca se debeu facer negocio, como caso da Sanidade”, explicou, á vez que criticou políticas como a posta en marcha polo ministro de Facenda, Cristóbal Montoro, coa Ley de Estabilidade Orzamentaria. “Hai leis estatais, coma esta, que non lle permiten aos concellos atender á poboación. Por iso temos que axudar a que o escenario cambie a partir do 20 de decembro”, afirmou.

A inacción de Núñez Feijóo

Foto: Forum Nueva Economía
Foto: Forum Nueva Economía

“Feijóo fai cousas ben: véndese moi ben e fala ben. E é capaz de ocultar debaixo da súa posta en escena a inacción absoluta dos seus gobernos. Leva anos na Xunta e non podemos dicir que nada estea mellor que cando chegou. Os sectores básicos de Galicia (pesca, agricultura ou gandería) están todos peor. Non se conseguiu a pretendida renovación demográfica…e non falemos dos indicadores económicos, que nos sitúan sempre á cola de Europa e á cola de España”, opinou, para ironizar: “Con todos estes datos, logo chegar a Madrid a ter boa prensa creo que é dun mérito incrible, de verdade o digo”.

“Espero realmente que poidamos armar unha candidatura o suficientemente forte nas autonómicas para desbancar a Núñez Feijóo e ao PP. Non por mero afán de afastalo do poder, senón para ter, tamén na Xunta de Galicia, ás políticas que a xente precisa”, insistiu.

Xulio Ferreiro: “Neste 20-D hai dúas opcións: a da dereita, buscarlle un sucesor a Rajoy, ou a da vida, darlle unha alternativa á xente”