Campaña

Xulio3

Xulio Ferreiro: “Contamos con vós para limpar o chapapote nas praias; contade agora con Galicia para botar da Moncloa aos responsables daquel atentado””

Discurso de Xulio Ferreiro no acto de peche de campaña das forzas do cambio, o 24 de xuño en Madrid, repesentando a Galicia xunto a Pablo Iglesias, Mónica Oltra, Alberto Garzón, Íñigo Errejón, Irene Montero e Carolina Bescansa

“A nosa maior contribución á marea do cambio que vai subir este domingo son doce meses nas nosas cidades, doce meses de democracia real, doce meses cumprindo”

 

Señor Jorge Fernández Díaz, aínda ministro do Interior en funcións. Xa o escoitamos abondo estes días. Moitas grazas polo espectáculo, pero xa abonda. As nosas institucións democráticas, déixeme que llo diga en nome de millóns de cidadáns, merecen algo máis. Merecen algo máis de respecto e merecen algo mellor que vostede e o Partido Popular.

Agora escóitenos a nós, señor Fernández Díaz, porque empeza a nosa quenda e asegúrolle que non imos ser breves: empece a recoller as súas cousas porque, ou moito me engano, ou o próximo presidente do Goberno, corríxeme, Pablo, se me equivoco, ten outros plans para a súa carteira e vostede non vai ter sitio no próximo o Consello de Ministros.

Porque este domingo, unidos, unidas, desde todas as partes do Estado, desde Galicia, desde Cataluña, desde Euskadi, desde Valencia, desde aquí, desde Madrid, imos facer subir a marea de cambio e imos gañar as eleccións e imos investir un presidente con coleta para pór as institucións democráticas en boas mans, nas mans da xente.

Boas tardes, Madrid, sorride porque non ides esquecer o verán de 2016 e eles, asegúrovolo, non van esquecer o voso sorriso!

A nosa historia

Vouvos contar unha historia. Vouvos contar, co voso permiso, a vosa propia historia, a nosa historia. Unha historia que coñecedes porque sodes os seus autores, as súas autoras e os seus protagonistas. Unha historia que ademais ten final feliz.

Xulio2En maio de 2015 sucedeu algo extraordinario. En maio, a praza entrou por fin no pazo. En maio, a xente común, coma vós, coma min, entramos nas institucións para poñelas ao servizo da maioría social. E nós, non o esquezades, precisamos as institucións. O 1% non, que xa ten os seus paraísos fiscais e os seus fondos voitre para que os coiden, pero nós si.

En maio, os do 15M, os do Nunca Máis, os da PAH, os da sanidade universal, os da educación pública, os que nos coñecemos nas prazas e os que non nos coñeciamos aínda, fixemos algo extraordinario. Demos un paso adiante, elevamos a nosa voz e sincronizamos por fin os nosos reloxos coa historia. Porque nos querían en soidade e decidimos que nos íanter en común. En común e en todas as partes.

En maio, unha chea de xente coma vós, coma min, unha chea de xente calquera, chamamos á porta dos partidos, os partidos novos e os que levaban anos de loita, e fixémoslles unha proposta moi sinxela: se vos unides, dixémoslles, nós sumámonos; se vos unides, nós, os cidadáns e as cidadás sen partido, sen siglas, sen medo, arremangámonos; se vos unides, remamos xuntos como remamos cada fin de mes. E a iso chamámoslle confluencia. A iso chamámoslle sumar para multiplicar. E a iso chamámoslle multiplicar para gañar. A iso, na Coruña, chamámoslle Marea Atlántica. A iso, en Galicia, chamámoslle Marea. E por iso dicimos que Hai Marea.

E agora tamén Hai Marea aquí. Agora tamén creceu a gran familia do cambio aquí. Pablo, Alberto, que alegría vervos xuntos. Non fai falta que o diga: Unidas, Podemos.

E iso tan extraordinario sucedeu en maio de 2015 na Coruña e en moitas das nosas cidades á vez. Sucedeu tamén en Madrid, en Barcelona, en Zaragoza, en Valencia, en Iruña, en Santiago, en Cádiz, en Ferrol, en Oviedo, en centos de vilas e aldeas. E por iso temos unha chea de compañeiras e compañeiros, xente boa e xente seria, rebeldes e competentes, como diría Boaventura de Sousa, nas principais alcaldías do estado español.

Son alcaldes e alcaldesas que si nos representan, como Ada, como Manuela, como Pedro Santisteve, como Joan Ribó, como Joseba Asiron, como Martiño, como Kichi, como Jorge, como a nosa alcaldesa de Oviedo, Ana Taboada. Como ducias de alcaldes e alcaldesas de pequenas vilas e aldeas que tamén suman, que tamén multiplican, que tamén son marea, porque aquí non sobra ninguén, e reman e van facer subir a marea este domingo ata que a espuma se sinta nos salóns do Palacio da Moncloa.

Un ano de cambio

Xulio4Porque xa estamos nas institucións. Como intrusos, sempre cun pé na praza, para non esquecer, para que non nos convirtan en máis do mesmo, pero nas institucións. E as institucións xa non son as mesmas. Neste ano demostramos que si se podía. Demostramos que o Partido Popular, ademais de estar cheo de imputados, de portas xiratorias e de pésimos xestores, estaba cheo tamén de tigres de papel. As mentiras do Partido Popular duráronnos dous telexornais. Só nos facía falta pór un pé nas institucións para desmontalas. O caos eran eles.

Un ano despois de entrar nas institucións, a nosa ilusión segue intacta. Falo por min e por toda a xente da Marea Atlántica na Coruña, pero creo que podo falar tamén por todos os compañeiros e todas as compañeiras que están a traballar duro nos vosos concellos. Coma o primeiro día. Pero esa ilusión, que a temos, xa non é a nosa maior achega ao cambio. A nosa maior contribución á marea de cambio que vai subir este domingo son doce meses de goberno nas nosas cidades, doce meses de democracia real, doce meses cumprindo.

Non é só que desaloxásemos o Partido Popular e a súa axencia de colocación. É que desaloxamos aos que en catro anos non cumprían nin o 15% do seu programa electoral, e viñemos nós, os que non sabían gobernar, os que non viñan aprendidos de casa, e xa cumprimos, en doce meses, o 40% do noso contrato coa xente para todo o mandato.

Porque nas rúas da Coruña xa non hai nomes de asasinos. Agora somos unha capital da Memoria Histórica. Porque deixamos de gobernar para os bancos e fixémolo para a xente, aumentando un 20% o investimento social, e aprobando a Renda Social Municipal, para axudar ás persoas en risco de exclusión. Porque iniciamos a remunicipalización das xestión das bibliotecas privatizadas, porque aprobamos unha fiscalidade máis xusta e redistributiva. E porque gobernamos escoitando, porque a veciñanza pode agora falar nos plenos, e o alcalde baixa aos barrios a escoitar as súas demandas e respostar as súas preguntas.

Sen municipalismo non hai cambio; só con municipalismo, tampouco

Primeiro conquistaremos Manhattan, despois conquistaremos Berlín. Primeiro conquistamos as cidades e agora conquistaremos a Moncloa. Pero non o esquezades: pase o que pase este domingo, que imos gañar; pase o que pase no outono nas autonómicas en Galicia, que as imos gañar; pase o que pase, as cidades rebeldes van seguir onde están e como están: libres, alegres, unidas e en mans da xente.

Os gobernos municipais, ás veces, estamos atados de pés e mans. É a democracia secuestrada: a Lei Montoro e todo ese conxunto de normas que, de Bruxelas a Madrid, están aí para pornos pedras no camiño: os plans de axuste, as limitacións á contratación de persoal, a ditadura da estabilidade. Todo iso que o PSOE e o PP, ás ordes da Europa de Merkel, consagraron ás nosas costas na reforma do artigo 135 da Constitución.

Sen municipalismo non hai cambio. Só con municipalismo, tampouco. Necesitamos, para levar até o final as nosas políticas, non soamente gobernos amigos, senón gobernos e grupos parlamentarios responsables, valentes e unidos que compartan connosco, cada un onde lle toca, a batalla máis complexa: desfacer esa trama neoliberal que fai diñeiro coa nosa saúde, que vive das nosas listas de espera e que fai negocio cos nosos servizos públicos. Gobernos e grupos parlamentarios que digan, como dixo a xente en Madrid, Non Pasarán; que digan, como dixestes connosco en Galicia, Nunca Máis.

Contade con Galicia

Xulio1Galicia está hoxe aquí. Galicia está hoxe aquí convosco para sumar polo cambio. Daquela, contamos convosco para limpar de chapapote as nosas praias. Contade agora connosco para desaloxar das institucións aos responsables daquel atentado. Contade connosco agora para botar da Moncloa ao señor dos hilillos de plastilina. Estivemos en primeira liña nas municipais e imos estar convosco este domingo para desempatar.

Porque o que aquí se chama Bankia, alí chámase Caixa Galicia. O que en Valencia sufristes no metro, en Galicia sufrímolo co Alvia que nunca chegou. O que en Madrid se chama privatización da sanidade, en Vigo chámase Hospital Álvaro Cunqueiro. O que aquí se chama Gürtel ou Púnica ou Panamá ou Granados ou Urdangarín, na Coruña chámase Pokémon. E o que aquí se chama Partido Popular, en Galicia chámase tamén Partido Popular.

Contamos convosco para salvar o naval de Ferrol. Contamos convosco para darlle un futuro aos nosos gandeiros e agricultores. Contamos convosco para que os nosos pescadores poidan vivir do seu esforzo. Contamos convosco para botar a Ence da ría de Pontevedra. Contade pois connosco para empezar a construír por fin este domingo un estado no que contemos todos, no que falemos todos, no que ninguén, veña de onde veña e fale como fale, quede atrás.

Hai Marea!

Cando poñemos o que nos une por diante e respectamos o que nos diferencia, Hai Marea.

Cando non nos conformamos con ter a razón e saímos a gañar as institucións para a xente, Hai Marea.

Cando falamos a linguaxe común dos que traballan para levantar cada mañá este país de países, Hai Marea.

Cando rescatamos ás persoas en lugar de rescatar aos bancos, Hai Marea.

Cando gobernamos con honradez, Hai Marea.

Cando facemos política coas maiorías e para as maiorías e deixamos o embigo para os de sempre, Hai Marea.

En Cataluña, en Valencia, en Andalucía, en Galicia, Hai Marea.

Mesmo aquí en Madrid, Hai Marea. Asegúrovolo.

Nas catro esquinas do cambio, Hai Marea.

Hai unha Marea imparable de cambio e de ilusión. E asegúrovos que agora mesmo Rajoy, Feijóo e os seus saqueadores están a mirarnos.

Aproveitamos para dicírllelo? Lembrámosllelo? Dicímoslle que vai suceder o domingo? Mandámoslle unha mensaxe como o facemos en Galicia?

Repetide comigo: Hai Marea!

 

Have your say