Novas da Marea

photo_2016-02-10_09-24-50

Xulio Ferreiro chama a estender a Europa a rede de cidades rebeldes no DiEM 25

O alcalde da Coruña participou no lanzamento do Movemento pola Democracia en Europa (DiEM 25) impulsado polo ex-ministro grego de Economía, Ianis Varoufakis, e que aspira a rescatar a UE das políticas de austeridade que a están a dividir

Xulio Ferreiro, en representación da Marea Atlántica, interveu este martes no acto de presentación do Movemento pola Democracia en Europa (DiEM 25) impulsado polo ex-ministro grego de Economía, Ianis Varoufakis e cuxo lanzamento se realizou en Berlín. Alí, defendeu a cooperación da rede de cidades rebeldes do Estado español como eixe dun novo paradigma, en contraposición á competitividade territorial como correlato da globalización e o capitalismo financeiro, e avogou por estender esa rede a nivel europeo, para “crear unha Europa federal desde abaixo”.

  photo_2016-02-10_09-24-09Na súa intevención, que espertou moito interese polo que supoñen as experiencias municipalistas como a que o alcalde da Coruña representa, Ferreiro chamou a “saír do ghetto e dirixirse ás maiorías” e defendeu tamén a creación dun movemento de ámbito europeo “plural e de base cidadá”. Dentro da súa comparecencia, Xulio Ferreiro puido expoñer tamén o proceso da Marea Atlántica e salientou o moito que pode achegar o municipalismo ao proceso europeo que propón DiEM 25, tanto na práctica institucional como no proxecto político, malia o cambio de escala.

Ferreiro participou nunha das mesas da xornada, onde se abordaron as políticas económicas que se recollen no Manifesto do movemento. Compartiu debate co filósofo italiano Toni Negri e o primeiro tenente de alcalde de Barcelona, Gerardo Pisarello, entre outras voces críticas do continente procedentes do activismo, o pensamento e a política. Falouse de repolitización, democratización do diñeiro, da estabilización da economía da Zona Euro ou da composición dunha visión de prosperidade compartida, e  tamén se abordou a proposta de europeización dos catros ámbitos onde se libra a crise:  débeda, o baixo investimento, a banca e a pobreza.

Matináronse xeitos de aumentar a soberanía dos parlamentos nacionais e rexionais, e dos concellos, e manifestouse a necesidade de establecer tratados comerciais (tanto dentro da UE como entre esta e outros bloques) que potencien o control democrático das economías sociais de Europa, en lugar de restrinxilo. E debatéronse os mecanismos para desenvolver unha campaña europea contra a pobreza e os marcos normativos para acadar estes obxectivos, entre outros asuntos.

Logo da xornada de debate, ás 20.30 horas realizouse unha presentación pública do movemento DiEM 25, que abriu Ianis Varoufakis e na que tamén participou o representante da Marea Atlántica. Desde o teatro Volksbühne, de Berlín, Xulio Ferreiro defendeu que “outra Europa é posible, ten que selo”. O acto foi seguido por milleiros de persoas a través da retrasmisión en directo por internet.

DiEM 25 proponse como prioridade inmediata democratizar a UE, comezando por implantar a total transparencia na toma de decisións, coa transmisión en directo por internet de todas as reunións dos consellos de ministros, do Ecofin e do Eurogrupo, e con acceso libre ás negociacións financeiras —o contrario do que se está a facer co TTIP e o TISA—. Entre as ideas centrais do movemento está tamén a reorganización urxente das institucións europeas, que permita poñer en marcha políticas que fagan fronte ás crises de débedas nacionais, as presións do sistema bancario, o incremento da desigualdade e a pobreza e o muro que se levanta fronte a persoas refuxiadas e migrantes. A medio prazo, o movemento aspira a convocar unha asemblea constitucional na que a cidadanía europea poida deliberar o xeito de construír unha verdadeira democracia continental.

Toda a información sobre o movemento está dispoñible na súa web: http://diem25.org/

Have your say