Saltar ao contido

Está próximo un acordo co PSOE para darlle apoio a entidades sociais e deportivas cos cartos que se aforraron ao liquidar o Plan de Axuste imposto polo PP

O alcalde da Coruña, Xulio Ferreiro, explicou que a negociación dos Orzamentos Municipais 2018 xa está en marcha “nunha fase incipiente” pois os contactos ao respecto cos grupos da oposición e, nomeadamente, co PSOE,  “comezaron xa antes do verán”. Agora, neste mes de setembro, “agardamos poñernos xa a traballar de xeito formal”.

Ao fío, tamén se produciron negociacións co grupo socialista, impulsadas polo goberno municipal, para investir o aforro que o Concello obtivo grazas á saída do Plan de Axuste imposto polo PP. A intención é destinar estes cartos, a través dun modificativo a convenios para apoiar o traballo de entidades sociais e deportivas “que realizan un grande esforzo por facer desta unha cidade mellor”. “Neste obxectivo creo que hai coincidencia co PSOE, co que cremos que podemos chegar a un acordo”, explicou Xulio Ferreiro.

Non á planta de residuos en Santa Icía

Por outro lado, Ferreiro tamén se referiu ás alegacións que o Concello da Coruña presentou fronte ao proxecto de instalación dunha planta de almacenamento e valorización de residuos industriais e urbanos no lugar de Texoeira-Santa Icía, en Arteixo, que xa comezou a ser tramitado pola Consellería de Medio Ambiente da Xunta de Galicia.

“A conselleira, polo menos nas súas últimas declaracións, semella que rectificou e que acepta moitas das reivindicacións que fixemos dende o Concello e desde a sociedade civil. Por exemplo, recoñeceu que a documentación presentada polos promotores da planta era completamente insuficiente, algo que nós defendemos dende un principio”, indicou. “Agora o que lle queda por recoñecer é que o proxecto podería ter sido inadmitido debido á insuficiente documentación presentada, tal e como expresa a lei autonómica”, dixo.

“Creo que existen lugares moito máis axeitados para a localización dunha planta destas características que, por certo, nin tan sequera está contemplada no Plan de Residuos da Xunta de Galicia. Entendemos que poñer unha factoría como esta a uns poucos centros de metros de lugares habitados e con tanta mobilidade como Novo Mesoiro e Feáns non é axeitada”, engadiu.

Xulio Ferreiro: “As conversas para os Orzamentos 2018 xa están en marcha”