Saltar ao contido

Ante as pouco afortunadas declaración de Carlos Calvelo, o concelleiro de Rexeneración Urbana lembrou que A Coruña está a atender a familias realoxadas de Penamoa en anteriores mandatos, pero “precisamos cooperación”

O concelleiro de Rexeneración Urbana da Coruña, Xiao Varela, pediulle ao alcalde de Arteixo, Carlos Calvelo, “serenidade e responsabilidade á hora de referirse aos realoxos de persoas procedentes de asentamentos precarios”. O edil fixo referencia ás últimas declaracións de Calvelo e sinalu que “un alcalde non debería falar como o está a facer. As veciñas e os veciños son persoas, non son cousas e, polo tanto, non sobran. O que ten que facer un gobernante é tratar de resolver os conflitos de convivencia e non fomentalos”.

Carlos Calvelo, do Partido Popular, tenta xerar unha desafortunada polémica co problema de convivencia que existe nun inmoble de Meicende (Arteixo) onde foi reubicada unha familia do asentamento precario de Penamoa, cun goberno anterior no Concello da Coruña.

Penamoa: Realoxos en 2010 e 2011, sen traballo social

Neste sentido, Xiao Varela lembrou que o executivo actual ten en marcha un ambicioso Plan de Acceso a un Hábitat Digno “que está a traballar para que calquera tipo de realoxo se leve a cabo de forma discreta e cun acompañamento social específico”. “Non estamos para nada de acordo coa forma na que se abordou este tema no pasado. Os realoxos de Penamoa, que se fixeron entre o ano 2010 e 2011, non estiveron ben tratados”.

“Existen 24 familias deste asentamento que foron realoxadas, pero que non tiveron o traballo social preciso. Estamos a intentar reverter esa situación, por iso mudamos as políticas que se están a levar a cabo”, comentou o responsable municipal. quen indicou que a administración local coruñesa traballa na actualidade “de forma coordinada” con cinco concellos veciños onde se produciron realoxos hai agora sete anos.

Un Plan de Hábitat Digno que non repite erros

Varela explicou que, dentro do Plan de Acceso a un Hábitat Digno, o goberno local impulsou a creación dun grupo interdisciplinar especialmente dedicado a traballar con persoas procedentes de asentamentos precarios, de cara a favorecer a súa inclusión social.

O concelleiro explicou que, no que vai de mandato, leváronse a cabo sete realoxos “sen que se estea a producir polo de agora ningún tipo de conflito ou problemática de índole social”. “Ningún destes realoxos, nos que, por certo, se lles deu acceso a unha vivenda digna a 14 menores, se produciu no Concello de Arteixo”, aclarou, á vez que salientou “o traballo que se está a realizar coas familias do asentamento da Pasaxe, con resultados moi satisfactorio, como puido verse con todo o proceso de derrubo da antiga nave da Toxa, que se levou a cabo sen ningún tipo de conflito, en contraste con as actuacións impulsadas polo anterior executivo”.

Sen resposta ás peticións de colaborar con Arteixo

Con respecto ao caso da familia realoxada en Meicende, Xiao Varela comentou que o Concello da Coruña está xa a realizar unha intervención social a través do Grupo Hábitat, procurando unha colaboración co Concello de Arteixo que nunca se conseguiu. “Intentamos levar a cabo con Arteixo o mesmo traballo que estamos a desenvolver con outros cinco concellos da contorna, pero neste caso non foi posible, polo momento”.

“O pasado mes de xullo, logo da constitución do noso grupo de traballo específico para temas de acceso a un hábitat digno, puxémonos en contacto, primeiro coa concelleira de servizos sociais de Arteixo e logo co propio alcalde, que non deu resposta”, relatou. “Hai dous días volvín chamar ao rexedor arteixán para explicarlle que, se ben nós xa estamos a traballar con esta familia, necesitabamos a súa colaboración, e sobre todo, a súa serenidade, para poder atallar unha situación coma a que se está vivir”, indicou.

Calma, serenidade e cooperación

“A familia da que estamos a falar é veciña de Arteixo, polo que lle corresponde a súa administración local traballar socialmente con ela. Aínda así, nós o estamos a facer dende A Coruña. Ofrecemos toda a nosa colaboración e vontade de traballo, que está a funcionar moi ben en moitos outros concellos da contorna”, insistiu o titular de Rexeneración Urbana. “Pero para que este traballo sexa efectivo, dende logo, é preciso actuar dende a calma e a serenidade”, sinalou.

“É curioso que o alcalde Calvelo se mantivese calado con respecto a este tema durante sete anos, dende que se produciu o realoxo, e fale agora, precisamente, cando está a ser obxecto de presión veciñal por mor da súa postura con respecto á implantación en Santa Icía dunha planta de residuos a menos un quilómetro de núcleos de poboación do concello coruñés”, reflexionou.

Xiao Varela pídelle ao alcalde de Arteixo “serenidade á hora de falar de realoxos”