Mareas

Eu mesma, durante o 1º "Primeiro de Maio" legal, despois do final da ditadura franquista

Xente na Marea da Agra (I): Volver (para que as cousas muden)

Por Begoña Romero

Eu mesma, durante o 1º "Primeiro de Maio" legal, despois do final da ditadura franquista

Eu mesma, durante o 1º “Primeiro de Maio” legal, despois do final da ditadura

Pídenme as compañeiras e compañeiros da Marea da Agra que escriba aquí unha síntese da miña experiencia nas loitas contra a inxustiza e por unha vida digna. Ben. Aí vai: Son Begoña. Vivo no barrio da Agra desde 1968. Cando estaba cursando sexto (o que viría sendo segundo de bacharelato), unha marabillosa profesora de filosofía descubriunos a Karl Marx e explicounos a loita de clases. Aquilo espertou en min o interese por mudar a situación na que viviamos, dunha total falta de liberdade: non tiñas a maioría ata os 21, eran ilegais os partidos de esquerda, os sindicatos… en fin, sufríamos unha ditadura. Entón coincidín con xente coas mesmas inquedanzas, e empezo a militar no Movemento Comunista. E desde alí, analizando as cousas e vendo as que queriamos cambiar, puxémonos a traballar. No 76 formamos a primeira asociación de veciños co obxectivo de mellorar a vida dos veciños do barrio. A min, coma moza que era, preocupábame a situación dos máis novos. E fixemos excursións, charlas sobre moitos temas, concertos, teatro… ata lanzamos unha enquisa para coñecer que problemas detectaba a xente do barrio.

Mira ti!, hoxe repaso aqueles papeis e resulta que temos case os mesmos. E inda por riba temos a crise, a pésima xestión dos que gobernan, e fame e necesidades que xa non son asuntos de outros continentes. Están aquí. No noso barrio. E vexo como imos cara atrás nas liberdades conquistadas naquelas loitas con leis coma a lei mordaza feita para amedrentar aos cidadáns á hora de manifestarse. Pois vexo todo iso… mais tamén vexo á Marea Atlántica, aquí, no barrio, e penso que aos meus 59 anos teño que volver a facelo, volver a participar activamente para tentar que muden as cousas.

Have your say