Faladoiros

SGR_290116_MG_4119

Xa está na rúa o novo número de ‘O 15’

Presentouse cun debate sobre outras formas de comunicación, no que participaron representantes de Praza Pública, Cuac FM, Diagonal e Vigoalminuto

O 29 de xaneiro,  no local da Marea Atlántica, foi presentado polo seu Grupo de Comunicación o número 3 de O 15 que inclúe traballos sobre a propia Marea e pezas sobre asuntos de cidade como a Renda Social Municipal, o Paseo da Vedra, a autonomía fiscal dos concellos e unha entrevista coa concelleira Claudia Delso. Tamén se poden ler e comentar artigos sobre a Rede de Cidades Rebeldes, o encontro de novembro das cidades cun desexo común, os feminicidios, as marchas da dignidade así como unha análise das eleccións do 20D. Neste número colaboran Silvia Cameán, Carlos Deus, Paula García de la Fuente, Sandra García Rey, Antía García Sendón, Carlos Gallego, Diego Jiménez, Borja Lamas, Santi Lamelo, Carlos Pita, Manuel Solovio, Rodri Suárez, Hoki Torres, Xiao Varela e Raúl Xordo.

SGR_290116_MG_4096No debate sobre “outras formas de comunicar a política”, Ana Álvarez do xornal Diagonal rexeitou a pretensión de neutralidade, defendeu a autoría colectiva e unha información alternativa conectada aos movementos sociais. Pola súa parte, Miguel Pardo de Praza Pública avogou por un novo tratamento da política, na lingua do país e que desde a honestidade poña sobre a mesa temas antes silenciados. Denunciou a situación precaria da profesión xornalística e demandou axuda a estes medios independentes das axudas institucionais. Isabel Lema Blanco, de Cuac FM reflexionou sobre a relevancia dos medios comunitarios como garantes da participación da cidadanía na comunicación. No caso de Cuac levan feitos máis de 400 programas, coa intervención de 1000 persoas sobre as achegas dun cento de asociadas. Antonio Albadalejo de Vigoalminuto considerou preciso un novo tratamento dos asuntos cedendo a voz á cidadanía que padece moitos dos temas que aborda o xornalismo.

Noutra quenda os xornalistas e comunicadores así como as persoas do público abordaron o tema da utilización de fontes, as relacións entre independencia e financiamento e diversas análises sobre a necesidade de avanzar colectivamente cara unha información veraz, rigorosa e que defenda os intereses da maioría social, dese ben común polo que traballa a Marea Atlántica no seu conxunto.

O grupo de comunicación da Marea non desbota no futuro imprimir en papel o seu xornal e xa pensa para os próximos meses na confección dun novo número.

Galería de imaxes

 

Have your say