Saltar ao contido

Viñeta: Miguel Gallardo

Os resultados do pasado 20D permiten iniciar uhna nova etapa no Estado. Son a continuidade directa das eleccións municipais. En maio de 2015 irromperon centos de iniciativas cidadás, dando lugar a gobernos do cambio en numerosas cidades, incluíndo varios dos concellos máis importantes do Estado.

O 20D supuxo unha oportunidade froito de moitas esperanzas acumuladas. Pero tamén foi o resultado de moitos sufrimentos. Desde 2008, a crise e a súa xestión neoliberal converteron España no Estado punteiro de Europa en desigualdade social. Unha situación que ten rostros que cada día nos atopamos na rúa e nos interpelan: chámase pobreza, chámase precariedade, chámase desafiuzamentos…

Estamos ante a oportunidade de construír un goberno polo cambio que asuma dar resposta aos retos do Estado e ás necesidades da súa xente. Un goberno que poda rescatar ás persoas, poñendo a vida no centro das políticas públicas; rachar coa austeridade, recoñecer e defender a pluralidade nacional e o dereito a decidir, rematar coa corrupcion e avanzar en materia de dereitos e democracia.

Desde os concellos demandamos este cambio tamén para impulsar unha terceira descentralización. Un goberno de cambio no Estado debe promover un novo marco lexislativo para os concellos. Os municipios necesitamos desfrutar da autonomía e a suficiencia financeira que nos permita dar resposta ás necesidades dos nosos veciños e veciñas.

A aritmética do Congreso é clara: saen os números para un goberno de coalición para o cambio. Esta fórmula de goberno estaría apoiada pola maioría das forzas políticas con representación parlamentaria. Así o expresaron con toda claridade a maioría dos voceiros dos diferentes grupos da cámara. Só falta que o PSOE teña a vontade de dar o paso. Desgraciadamente, nesta primeira rolda de investidura non semella que sexa posible construír un goberno ao servizo da xente. O país cambiou moito e estase a iniciar unha nova etapa. Despois das eleccións municipais e autonómicas de maio de 2015, parecía que o PSOE entendera o mandato de cambio xurdido das urnas. Por que os acordos postelectorais que valeron daquela non se poden materializar agora?

En numerosos concellos, diputacións provinciais e comunidades autónomas acadáronse acordos baseados en políticas de cambio. En numerosos lugares, o PSOE apoiou ás plataformas municipalistas, mentres que en moitos máis foron estas as que apoiaron aos socialistas. Ningún concello capital de provincia está gobernado mediante acordo entre PSOE e Ciudadanos. Tan só nunha comunidade, Andalucía, deuse ese tipo de acordo para alcanzar a presidencia. Preocúpanos que esta situación histórica de cooperación entre forzas diversas se frustre no Congreso á hora de formar unha maioría de goberno.

Somos conscientes das posibles presións internas e externas que estará recibindo o PSOE para que se decante por un goberno de gran coalición escorado á nova e vella dereita. Lamentamos que sexan os seus medos e intereses os que evitaron ata agora aproveitar esta oportunidade. Pero os intereses do IBEX 35 non poden frear a oportunidade que agora se nos brinda para un goberno de cambio, un goberno que pode compoñerse de inmediato se o PSOE ten vontade. O PSOE debe elexir entre seguir as instruccións do IBEX 35, optando por algún formato de gran coalición, ou ben comprometerse coa cidadanía para dar resposta aos retos deste país. Un goberno de coalición como o que reclamamos non só tería maioría parlamentaria, senón que ademáis estaría apoiado por 11 millóns de votos, a maior cifra que apoiou un goberno do Estado na nosa historia.

Pensamos que a experiencia dos concellos do cambio e, sobre todo, a ilusión e a forza de millóns de persoas merece a nosa audacia. Trátase de escoitar o mandato de cambio emanado das urnas, aproveitar a vontade maioritaria expresada esta semana no Congreso e empezar a traballar de inmediato impulsando a experiencia que se iniciou o pasado mes de maio: para que haxa no Estado un goberno de coalición polo cambio real.

 

Barcelona en Comú
Zaragoza en Común
Compostela Aberta
Marea Atlántica

Vontade política para un goberno de cambio