Mareas

Stop Caza

Unha cidade viva rodeada de chumbo?

Dos trinta e sete quilómetros cadrados que aproximadamente constitúen o concello da Coruña, nove están “cooptados” pola actividade cinexética. Isto significa que case o 24% do noso territorio é un couto de caza para disfrute dunha minoría que sae cada varios meses a tirar disparos contra a fauna silvestre, matando unha media de douscentos cincuenta animais por ‘tempada’.

A caza é cruenta, perdeu todo o seu senso recolector e tense convertido nun pseudodeporte que percibe subsidios da Consellería de Medio Ambiente e da Secretaría Xeral para o Deporte, e mesmo fomenta convenios de colaboración para facer “pesquisas” sobre os lumes forestais. Un lobby moi ben relacionado con determinadas administracións, a pesar do seu ínfimo número de representación na cidadanía, xa que menos do 2% da poboación galega posúe unha licenza de caza.

A caza contamina, como se desprende dos numerosos estudos que advirten o risco de envelenamento por plumbismo de centos de milleiros de aves que engolen os perdigóns de chumbo, confundíndoos con froitos, e morren dunha maneira dolorosa, así como os depredadores destes animais.

Tampouco podemos considerar que a caza conserve o ecosistema, logo da cada vez máis habitual solta de coellos e outros animais provenientes das denominadas “granxas cinexéticas”. É dicir, os poderes públicos estarían subsidiando a cría, compra e solta de seres vivos que serán tiroteados polos cazadores. Están exercendo un forte desequilibro sobre os espazos naturais e arrogan a suposta capacidade para equilibralos con cartuchos.

Unha campaña do movemento animalista (stop caza), que xa recolleu 34.000 sinaturas, evidencia que a ningunha persoa lle gustaría vivir ao carón dunha zona onde se dispara, se verte chumbo ao medio natural e se privatizan os espazos verdes para fomentar unha actividade sen finalidade real.

A Coruña non precisa de espazos para cazar, e temos dereito a desfrutar da Natureza sen medo, sen que haxa animais mortos por disparos e cans abandonados, e onde se convirte nun problema de todas e todos, xa que o abandono animal supón un custo para as arcas municipais a conta dun pequeno feixe de irresponsables.

Have your say