Saltar ao contido

#MareaEscoita visita o Mercado de Monte Alto, onde defende a revitalización dos mercados municipais “contra o proceso de esmorecemento ao que os condena o señor Negreira”

 O candidato d a Marea Atlántica á alcaldía da Coruña, Xulio Ferreiro, considera que estes espazos “deben servir para ser unha das primeiras opcións de compra nos barrios ” e lembra que “o actual goberno municipal pasou catro anos preocupado só polas grandes superficies e agora quere borrar esa triste realidade a base de promesas electoralistas”

 

Varios candidatos e candidatas da Marea Atlántica visitaron este martes as instalacións do Mercado de Monte Alto dentro da iniciativa #MareaEscoita segundo a cal membros da lista da plataforma cidadá reúnense con diversos colectivos ou organizacións para atender de primeira man as súas demandas e necesidades. Deste xeito, o candidato da Marea á alcaldía, Xulio Ferreiro, xunto á número dous, Rocío Fraga, a catro, Silvia Cameán, e o quince, Santiago Lamelo, conversaron con praceiros e praceiras, ante os cales defenderon a aposta da Marea polo comercio de proximidade e os mercados municipais e de barrio.

“A Marea aposta por integrar os espazos municipais e o comercio de proximidade a través da revitalización dos mercados municipais como espazos centrais do comercio, así como dos barrios onde se sitúan. Entendemos que os mercados deben servir como unha das primeiras opcións de compra para os veciños e veciñas de cada barrio. Debemos rematar coa estratexia de esmorecemento paulatino que se ten dado nos últimos anos mediante un plan de promoción e modernización dos mercados municipais. Durante o seu mandato, o PP e o señor Negreira só se preocupou polas grandes superficies, realidade que pretende agochar no último minuto con promesas electoralistas de escasa credibilidade”, afirmou ao respecto Ferreiro. Dentro da iniciativa #MareaEscoita, candidatos e candidatas da plataforma cidadá coruñesa tamén mantiveron este martes xuntanzas coa Asociación Párkinson Galicia; a Liga Reumatolóxica Galega e o sindicato CUT.

NOVO MESOIRO

Por outra parte, o cabeza de lista da Marea, Xulio Ferreiro, tamén fixo referencia á negativa do candidato do PP e aínda rexedor da cidade, Carlos Negreira, a traballar seriamente para concretar e poñer unha data á construción dun centro escolar no barrio de Novo Mesoiro, como demanda a veciñanza da zona. “Negreira non afronta a urxencia dese equipamento porque prefire defender os intereses do PP, tamén na consellería de Educación da Xunta, que os das veciñas e veciños da Coruña. Agora di que non sabe cales poderían ser os terreos aptos para ese centro educativo. Pois non ten máis que consultar á xente do barrio. En todo caso, desde a Marea lembrámoslle que o Concello dispón de varias parcelas municipais, resultado da reparcelación do plan parcial de Mesoiro, destinadas a uso dotacional, e que poden ser válidas para construír un colexio. A maiores, o señor Negreira debería responder sobre por que en catro anos de mandato nada fixo para que unha urbanización prevista para 3.000 vivendas fora dotada dun colexio e tamén debería explicar por que non figura previsión ningunha de construción dese centro escolar nos orzamentos da Xunta nin na planificación de construción de centros”, indica Ferreiro.

Unha aposta polos mercados municipais