Saltar ao contido

Todos os grupos políticos aprobaron a PNL de En Marea, baseada nas propostas do goberno da Coruña: condonación da débeda, revisión dos convenios de 2004, creación dun consorcio público para xestionar os peiraos e conexión ferroviaria para o Porto Exterior

Na Deputación da Coruña realizouse unha declaración institucional unánime, nos mesmos termos, xurdida a partir dunha moción da Marea Atlántica.

A Marea Atlántica saúda a decisión unánime do Parlamento de Galicia e a Deputación de apoiar a folla de ruta do goberno municipal da Coruña para darlle unha solución integral aos peiraos interiores, garantindo a súa titularidade e uso público. A través da Proposición Non de Lei (PNL) presentada por En Marea e defendida polo seu vicevoceiro, Antón Sánchez, os grupos parlamentarios de En Marea, PP, PSOE e BNG aceptaron as propostas que desde a Marea Atlántica levamos tres anos poñendo sobre a mesa. Do mesmo xeito, o Pleno da Deputación da Coruña converteu unha moción da Marea Atlántica, nos mesmos termos, nunha declaración institucional unánime, apoia da polos grupos de Compostela Aberta, Alternativa dos Veciños, PSOE, BNG e PP.

Nestas dúas iniciativas pídese:

  • Condonación da débeda da Autoridade Portuaria ou axudas económicas equivalentes
  • Revisión dos convenios urbanísticos de 2004, pensados para a especulación inmobiliaria, e sinatura dun novo protocolo que substitúa ao asinado pola Xunta e o goberno de Rajoy-
  • Creación cun consorcio público que xestione os peiraos interiores, cando queden sen uso polo traslado da actividade ao Porto Exterior
  • Financiamento da conexión ferroviaria de Punta Langosteira, fundamental para a súa viabilidade.

 

Das “ideas tolas” da Marea á unanimidade

Despois de tres anos de defender estas medidas en solitario, celebramos o cambio de postura do PP, que ata hai semanas estaba a defender a especulación nos peiraos de San Diego, e sobre todo o do PSOE, quen agora ten as responsabilidades do goberno central e pode asumir medidas como a condonación da débeda do Consorcio Valencia 2007, moito maior que a da Autoridade Portuaria da Coruña (350 millóns fronte a 200) e xerada por eventos deportivos como a Copa América, non por unha obra considerada de interese xeral polo Estado, como o Porto Exterior.

Xa este luns vimos un xiro inédito no Pleno do Concello da Coruña, onde a moción coa folla de ruta da Marea Atlántica foi a única aprobada das catro que se presentaron sobre o futuro dos terreos portuarios, por ser a única que contiña unha solución integral. Porén, no Pleno municipal o PSOE optou por un voto negativo e o BNG por poñerse de perfil. Por iso celebramos que atendesen ao chamamento da nosa coordinadora e onte, no Parlamento de Galicia, aceptasen sumar os seus votos ao sentido común.

O Parlamento de Galicia e na Deputación esixen por unanimidade unha solución integral para o Porto da Coruña