Saltar ao contido

Oito persoas estrearon o Escano Cidadán. A Coruña foi unha das primeiras cidades do Estado en crear esta figura para  que a cidadanía podia falar sen intermediarios no concello

O PSOE rompeu o seu compromiso e votou en contra do modificativo de crédito que pactara co goberno da Marea. O motivo? Que o pleno no seu conxunto aprobase unha proposta do BNG para incrementar en 30.000€ a partida de Igualdade

No pleno municipal de onte vimos o mellor o e o peor que pode dar a política. Dun lado, un fito histórico, a participación directa da veciñanza no pazo de María Pita, a través do Escano Cidadán. Doutro, unha lamentable exhibición de intereses partidistas colocados por riba do ben común.

O peor foi a inxustificable manobra do PSOE para tombar o modificativo de crédito de 4,5 millóns que pactara días antes co goberno da Marea, necesario para amañar os problemas orzamentarios herdados do PP. Logo de ter comprometido o seu apoio, publicamente, e de ter anunciado por todo o alto as súas achegas, onte cambiou de opinión sobre a marcha e votou en contra. O motivo? Que o pleno aprobara, xusto antes, unha emenda solicitada polo BNG para recuperar 30.000€ destinados a Igualdade.

Avia Veira, concelleira do Bloque Nacionalista Galego,  presentou esta proposta de restaurar unha partida orzamentaria que se suprimira no modificativo. Durante as negociacións previas coa Marea,  foi o PSOE quen esixiu que eses cartos se destinasen a outra área. Pero no pleno non quixo rexeitar a solicitude do BNG cun voto negativo. Preferiu absterse, ao igual que o PP. A Marea tamén optou pola abstención, xa que a proposta presentaba algúns defectos de forma. Con este resultado, foi aprobada co único voto positivo do Bloque.

Segundo José Manuel Dapena, voceiro do PSOE, esa emenda foi unha traizón da Marea e un “incumprimento da palabra dada”. Na súa filibusteira versión, un engadido de 30.000 euros nun modificativo de crédito de 4,5 millóns (menos do 1%), nunha área tan sensible como a Igualdade, supón algo intolerable. A realidade é que o seu grupo municipal preferiu bloquear o necesario cambio nos orzamentos do concello antes que permitir que o BNG introducise unha emenda. O interese dos cidadáns nin sequera lles pasou pola cabeza.

Porque o modificativo de crédito non é unha teima do goberno da Marea. É necesario para afrontar os 2,5 millóns de euros en facturas sen pagar que Carlos Negreira e os seus deixaron nos caixóns. É preciso para resolver o atraso no  pago a provedores, que agardan desde hai meses, co inevitable impacto en empresas, traballadoras e traballadores. Ou para ampliar a partida orzamentaria destinada ao mantemento básico dos centros escolares, na que o PP só deixou 66 céntimos. Para afrontar as necesarias reformas nos mercados, para a inclusión da diversidade, para a Orquestra Sinfónica…

A cidadanía e os concelleiros, cara a cara
O mellor deste día foi que no salón de plenos se escoitase, por primeira vez na historia, a voz da cidadanía sen intermediarios. Estreouse o Escano Cidadán, un compromiso electoral da Marea, desde o que oito persoas puideron trasladar as súas propostas e solicitudes aos concelleiros, cara a cara. A Coruña foi unha das primeiras cidades de España en desenvolver esta figura, incluída na Lei de Grandes Cidades.

Sonia Hermida explicou a discriminación sufrida pola súa filla, con discapacidade funcional, nun campamento  de verán. Pediulle ao goberno que poña os medios para que esta situación non se volva repetir, algo que a concelleira de Igualdade, Rocío Fraga, se comprometeu a facer.

Marina Poncela demandou medidas para favorecer o acceso á vivenda e criticou que existan pisos baleiros en mans das entidades bancarias, ou vivendas sociais adxudicadas pero nas que non vive ninguén. Xiao Varela, concelleiro de Rexeneración Urbana, prometeu buscar fórmulas para ampliar o parque municipal de vivendas, “máis pequeno do desexable” e negociar cos bancos a posibilidade de alugueiros sociais.

José Alejandro Salgado, presidente da asociación de comerciantes dos Mallos, pediu medidas de apoio ao pequeno comercio. Alberto Lema, concelleiro de Emprego, amosouse disposto a escoitar ao sector e anunciou a creación de oficinas para asesorar aos pequenos empresarios e axudar na xestión de locais comerciais.

Ignacio Louro criticou os xa case cen días de goberno da Marea e lamentou o incumprimento das 25 medidas que a candidatura cidadá se comprometera a poñer en marcha nese período. O alcalde, Xulio Ferreiro, repasou unha por unha todas as que xa se implementaron ou están avanzadas, que son a maioría.

Rubén Duruelo interesouse pola posibilidade de facer pública a xestión de varios polideportivos municipais, para mellorar o servizo e a situación dos traballadores e traballadoras. Xosé Manuel Sande, edil de Culturas, comprometeuse a estudalo e discutilo coa Secretaría Xeral do Deporte da Xunta.

Roberto Lameiro instou ao executivo coruñés a facer un esforzo para eliminar as barreiras arquitectónicas na cidade, especialmente na contorna dos hospitais e centros de saúde. Trátase dunha das liñas de traballo prioritarias para a Marea.

María del Carmen Cagiao falou do estacionamento de vehículos preto do Colexio de Eirís. E, finalmente, tras case sete horas de pleno, María Luisa Alonso pechou a sesión cunha solicitude para aumentar a presenza de músicos galegos na Orquestra Sinfónica e o apoioo aos intérpretes en xeral. Sande prometeu potencialo.

Oito voces, oito rostros cidadáns que demostraron que a barreira entre os de dentro e os de fóra, entre a praza e o pazo, só existe porque a algúns lles interesa.

Un pleno co mellor e o peor da política