Saltar ao contido

Xa está nas rúas o novo número da Agulla de Marear, centrado na oportunidade que se abre coa liberación dos terreos portuarios interiores

Desde 2004 está previsto facer un pelotazo urbanístico en San Diego, Calvo Sotelo e Batería, pero estamos a tempo de paralo

 

AgullaO número 4 da Agulla de Marear xa se está a repartir polas rúas da Coruña. Velaquí.

Nesta ocasión, céntrase en explicar a xogada especulativa que se está a preparar desde hai anos no porto da Coruña. O convenio asinado en 2004 por Paco Vázquez, Alberto Núñez Feijóo, Francisco Álvarez Cascos e o alcalde de Arteixo, Manuel Pose, abre a porta á construción de 4.000 vivendas no peirao de San Diego, en edificios de ata 10 alturas. E permite que nos de Calvo Sotelo e Batería se ergan hoteis e centros comerciais de ata nove alturas.

Ese é o plan previsto nos tempos da burbulla inmobiliaria, e xa está incorporado ao Plan Xeral de Ordenación Urbana da Coruña. En canto a actividade portuaria poida trasladarse ao Porto Exterior, comezará a venda dos peiraos para tentar roubarlle o litoral á cidadanía.

Non hai tanto que o porto da Coruña era de libre acceso. Un día, pechárono cun valado. Outro, o Palexco e o centro comercial medraron para agochar de novo o mar. Agora, corremos o risco de repetir o erro, pero multiplicado por mil Pero aínda estamos a tempo de impedilo. Tes todos os detalles na Agulla de Marear.

O 7 de maio, á rúa en defensa do porto

O goberno municipal está a negociar para defender a xestión pública e o uso público destes terreos, para que o porto siga a ser porto e non se transforme en urbanización de luxo. Pero a última palabra a ten o propietario do solo, o Goberno do Estado a través da Autoridade Portuaria.

Por iso, convidamos á cidadanía a participar na manifestación do vindeiro 7 de maio, convocada pola Comisión en Defensa do Común e apoiada polo pleno do Concello da Coruña. A loita na rúa será fundamental para defender o porto contra a especulación.

cartel_rr_ss

Por un novo horizonte litoral. Poñamos freo á especulación no porto