Saltar ao contido

Os comentarios están pechados.

Hai días de luz e hai días escuros. Hoxe é un día escuro. Podería non telo sido. Este mércores poderiamos ter dado, todos e todas xuntas, os primeiros e decisivos pasos para facer posible un proxecto de cidade, necesario, innovador, que inclúa a toda a veciñanza. O das Naves do Metrosidero, que busca converter a antiga Comandancia de Obras nun equipamento municipal, público, especialmente centrado na mocidade e cun modelo de xestión por explorar. Especialmente centrado, por tanto, no futuro. Pero non foi así.

O que vivimos hoxe é un sinal de fracaso colectivo. Falamos sen medias tintas e desde a sinceridade, porque nos afecta. Hoxe é un día escuro porque hai persoas feridas polas que nos preocupamos e porque falou a forza (cousa que ninguén quería) e non o diálogo, que desde a Marea Atlántica buscamos dende o inicio de todo este proceso, derivado da cesión, por parte do Ministerio de Defensa, destes terreos ao Concello da Coruña para o seu uso público, de todos e de todas.

Hoxe é un día escuro porque non fomos capaces, por máis que tentamos falar, de lograr chegar a un entendemento. Hoxe é un día escuro porque aínda que o fixemos pensando no colectivo, non fomos quen de incluír. Precisamente por esa sensación, dende a Marea Atlántica decidimos suspender o acto programado para este venres na Fundación Luís Seoane, que buscaban reflexionar sobre as distintas formas de xestionar espazos para o común. Outro sinal de fracaso colectivo.

Por doloroso e sincero que sexa, non podemos quedar no lamento. Hoxe foi un día escuro, dos máis escuros que vivimos, pero entre todos e todas temos que ser capaces de permitir que entre a luz. Temos os brazos máis abertos que nunca, temos os oídos dispostos a escoitar, o mesmo que todos estes meses. Cremos que a única alternativa é construír pensando na cidadanía e cremos que a luz só poderá entrar se entre todas nos poñemos a tarefa de deseñar ese espazo de futuro que serán as Naves do Metrosidero, que dende un principio se pensou como un espazo que puidese acoller moitas das actividades que se estaban a levar a cabo na Insumisa.

Podemos e temos que traballar por un proxecto que debe ser de todos, da veciñanza da Cidade Vella, da do resto dos barrios, da xente dos movementos sociais, dos usuarios e das usuarias da Insumisa, dos colexios, da entidades sociais e deportivas… O desta mañá foi un sinal de fracaso colectivo e ante iso só cabe a responsabilidade colectiva. A responsabilidade para non afondar no odio, senón no diálogo. A responsabilidade de construír. Hoxe foi un día escuro, que condenamos e lamentamos. Temos que facer que entre a luz.

Un día escuro