Saltar ao contido

Os comentarios están pechados.

Desde a constitución da corporación municipal (13 de xuño) e até a celebración do primeiro pleno (11 de xullo) no que o PP e o PSOE bloquearon a proposta de organigrama do Concello presentada polo Goberno da cidade foi moito o traballo desenvolvido polo equipo de concelleiros e concelleiras, co apoio do persoal municipal, ao tempo que proseguiu tamén a actividade das mareas sectoriais e barriais e da propia Rede.

Acción de Goberno

Desde o primeiro día do novo goberno, o alcalde e os seus concelleiros e concelleiras foron establecendo nas diversas áreas as prioridades e as novas perspectivas con que aproximarse aos moitos problemas que se viven na cidade e que teñen que ver coa exclusión social, a vivenda, o desemprego ou a participación cidadá. A respecto da actividade do goberno esta centrouse nos seguintes aspectos:

  • Definir o organigrama do funcionamento da corporación. Vencendo non poucos atrancos, establecendo unha quenda de negociacións con todos os grupos e buscando unha estrutura que concede á oposición posibilidades que cando gobernaba non outorgou, o organigrama proposto pola Marea foi o seguinte:
    • Horario dos plenos: O PP e o PSOE (a súa voceira dicía estar a favor da proposta) votaron en contra da celebración dos plenos ás 17 horas dos luns para favorecer a presenza da cidadanía.
    • Número e composición das Comisións ordinarias: O goberno propuxo para as comisións informativas, a xunta de voceiros e as comisións especiais unha representación proporcional fixando cinco presidencias para a Marea, cinco para o PP, tres para o BNG e unha para o BNG. A proposta foi bloqueada cos votos do PSOE e o PP.
    • Representación nas empresas e organismos municipais: Coa intención de estimular unha nova dinámica, nunca antes desenvolvida no funcionamento municipal, a Marea propuxo unha representación proporcional nos órganos colexiados, consellos de administración das empresas públicas, mesa de contratación e xunta de goberno local. Outra vez PP e PSOE votaron en contra.
    • Salarios e dietas: Foi un dos temas máis relevantes que afastaron os criterios do goberno e a oposición. A proposta levada a pleno polo goberno foi rexeitada cos votos do PP e o PSOE. Establecía o salario do alcalde en 40.000€ brutos anuais e 35.000€ para oito dos concelleiros e concelleiras do goberno, catro dedicacións exclusivas de 35.000€ para o PP, tres para o PSOE e unha para o BNG. O PSOE pedía para os seus concelleiros cinco soldos de 27.000€ e un de 17.000€, todos con dedicación parcial e compatibles coas remuneracións obtidas fóra do concello.

Como se sabe todas as propostas do Goberno, mesmo a celebración dos plenos nas tardes dos luns, foron rexeitadas polos votos sumados do PP e o PSOE no pleno do 11 de xullo. Só a concelleira do BNG apoiou ao goberno da Marea nesta ocasión. Sorprendeu moito á opinión pública, aos medios de comunicación e a algúns dos presentes que os grupos da oposición que bloqueaban as propostas do goberno non souberon ou non quixeron explicar os motivos do seu bloqueo pero tampouco presentaron medidas alternativas limitándose a reclamar, fóra da luz e dos taquígrafos, que se volvese á mesa de negociacións. En caso de non se chegar a un acordo, no pleno do 20 de xullo, podería aplicarse o organigrama aprobado polo PP en 2011 cando dispoñía de maioría absoluta.

  • Coñecer e avaliar o crítico estado económico e financeiro do Concello a partir do informe solicitado á intervención municipal. Una das primeiras preocupacións da Marea Atlántica ao chegar a María Pita foi avaliar a saúde económica e financeira do Concello. Por desgraza, atopámola nun estado crítico, o peor da historia recente. Un informe do interventor municipal, funcionario independente do goberno, advertiu que as arcas están ao bordo da insolvencia. A 17 de xuño, a tesourería só tiña 7,2 millóns de euros para facer fronte a 26,7 millóns en facturas pendentes. O PP deixou o Concello sen cartos para pagarlle aos provedores, algo que podería levar á intervención do Concello por parte da Xunta de Galicia. Ante esta situación, o Goberno da Marea viuse obrigado a pedir un crédito de 10 millóns de euros e a variar o orzamento con medidas de contención de gasto e aumento da recadación. O obxectivo é superar este momento complicado sen descoidar as necesidades económicas e sociais da cidadanía, que son a verdadeira prioridade.
  • Coñecer os recursos globais do concello, en particular os humanos, ir facéndose coas rendas das diferentes áreas de xestión e tentar encamiñar algúns dos asuntos herdados máis espiñentos: Someso, Conde de Fenosa, Ofimático.
  • Realizar entrevistas con persoas, grupos, entidades e institucións amosando sempre vontade de diálogo e cooperación: unha realizada con 86 representantes de 44 asociacións de veciños, co reitor da UDC, coa dirección da RAG, con Abanca, co Consello do Deportivo, coa MNL, coa CMHC, co Colexio de Xornalistas, co director de Viñetas desde o Atlántico, coa Cociña Económica, co Presidente da Xunta, participación na xuntanza do Eixo Atlántico, etc.
  • Apoiar o tecido económico produtivo da cidade: Congreso CIDE, apoio aos traballadores de Alcoa e aos de Extel Atento, xuntanza cos pequenos comerciantes,, etc.
  • Participar en actividades: Homenaxe a María Wonenburguer, Escola de Música Presto Vivace, exposición de Subterfuge e moitas outras.
  • Explicar o proxecto de goberno da Marea en múltiples medios de comunicación locais e de ámbito galego e estatal e explorar as posibilidades de colaboración con outros gobernos concomitantes ou con outros actores políticos.
  • Estrea da presenza do concello nas redes sociais Facebook e Twiter onde non había contas oficiais. Ademais o pleno do 11 de xullo emitiuse en streaming e no futuro podería celebrarse fóra de María Pita nun espazo con máis aforo.

 

LABOR DA MAREA ATLÁNTICA

Acompañando a acción do goberno e sentíndonos orgullosos dos primeiros pasos dados a xente da Marea proseguiu o seu labor con diferentes traballos das mareas do deporte, a cultura, coidados ou animalista e tamén das de barrio, como a de Palavea ou Cidade Vella.

Como representante da Marea Santiago Lamelo explicou nun acto no centro Gomes Gaioso as perspectivas con que afrontamos este novo ciclo político na cidade.

Ao tempo procuramos acompañar todas aquelas actividades e campañas que na cidade, en Galiza, no estado ou no mundo reclamaban a nosa adhesión. É o caso, por citar algunhas, do apoio ás reivindicacións da Marea Branca, dos traballadores de empresas en situación difícil como Alcoa, da acción de Ana Miranda e os seus compañeiros na Frota da Liberdade con destino a Gaza, a denuncia do novo caso de crime machista, as protestas pola Lei “Mordaza”, celebrar a escolla de Manuel María como protagonista das Letras 2016, mostrar a nosa solidariedade coa xente do común de Grecia que votou NON ás políticas da troica, etc.

Tamén nestas semanas establecemos diálogos e contactos con personalidades da vida pública do estado, caso de Alberto Garzón ou Pablo Iglesias, de cara a coñecer os seus puntos de vista e axustar a nosa estratexia cos ollos postos nos próximos compromisos electorais, en particular as eleccións xerais previstas para finais de 2015.

Na Rede da Marea de 11 de xullo establecéronse as perspectivas con que abordar a constitución da Deputación da Coruña e os seus órganos de goberno por unha banda e as conversas para unha candidatura unitaria de cara ás próximas citas electorais.

O 22 de xullo cumprirase un ano desde o acto fundacional na Ribeira do Cómaro. Nestes doce meses vivimos en comuñón coa cidade e a cidadanía moitas experiencias. Politicamente acadamos o obxectivo de gobernar a cidade. Agora aspiramos a levar á práctica as nosas medidas e a seguir sendo útiles á maioría social da Coruña, a xente do común, a nosa propia xente.

Un ano de Marea, un mes de goberno