Novas da Marea

Transparencia para acabar cos “tongos”

Xulio Ferreiro: “A Marea fará públicos todos os contratos do Concello e tamén os acordos das sociedades e fundacións municipais, incluídas as retribucións das súas direccións”  

 O candidato da Marea Atlántica á alcaldía da Coruña defende “unha transparencia absoluta que deite luz sobre a xestión municipal, agora secuestrada e inaccesible para a cidadanía”
Ferreiro anuncia que ao chegar a María Pita impulsará a “presenza, sen retribución, de todos os grupos municipais, tamén os opositores, nas mesas de contratación ou calquera órgano que conte con representación do Concello”

O candidato da Marea Atlántica á alcaldía da Coruña, Xulio Ferreiro, propón “deitar luz sobre a xestión municipal, agora secuestrada polos gobernantes e inaccesible na súa maior parte para a cidadanía” e anunciou varias das medidas que a plataforma que encabeza tomará ao alcanzar o goberno da cidade. “A Marea fará públicos todos os contratos do Concello, incluídos os menores, e tamén os acordos das sociedades e fundacións municipais, incluídas as retribucións dos seus órganos de dirección, que agora nalgúns casos resultan escandalosos e superiores, por exemplo, ao do propio alcalde”. “Queremos que se mire con lupa a xestión municipal e, nesa liña, imos abrir as portas e as ventás de María Pita; é necesario que corra o aire e comece ese novo tempo de transparencia que representa a Marea Atlántica”, engadiu.

“Ao contrario do que sucedeu ata agora, a Marea fará pública —por exemplo no web municipal— a adxudicación de todos os contratos, incluídos os menores. O mesmo ocorrerá coas resolucións e decretos da alcaldía, concellarías e cargos directivos, agás no que respecta a datos persoais. E tamén publicaremos as actas e acordos dos órganos de dirección e administración das sociedades e fundacións municipais, así como as retribucións detalladas dos seus órganos directivos. Estas medidas suporán a fin da ocultación que tantos tongos amparou nos últimos tempos”, asegura Ferreiro.

Así mesmo, o cabeza de lista de Marea Atlántica anunciou que o seu Goberno “garantirá a presenza, non retribuída, de todos os grupos municipais, tamén os da oposición, nas mesas de contratación, consellos de administración das sociedades municipais, consorcios e, en xeral, nos órganos colexiados de outras administracións que conten con representación municipal, como por exemplo a Autoridade Portuaria”. “No suposto de que a representación municipal estea limitada, exercerase de xeito rotativo entre os distintos grupos”, explicou Ferreiro, que, dentro das medidas a prol da transparencia institucional, tamén lembrou que a Marea xa anunciou recentemente que “creará unha quenda obrigatoria de rogos e preguntas á cidadanía en cada Pleno municipal, desde hai anos pechados á participación popular”.

Have your say