Municipalismo

Rede 26X18

A Marea Atlántica, disposta a un diálogo honesto e transparente para recompoñer o espazo de ruptura

Non é posible, nin crible, articular un relato contra o actual neoliberalismo imperante que exclúa á resistencia municipalista, ou que pretenda reducila a unha realidade residual.

A creación dunha “marea alternativa” en Ferrol é froito das peores prácticas da vella política. Rexeitamos estes xogos de suma cero dentro dun espazo político que naceu baseado na cooperación.

Esta resolución  foi aprobada pola Rede da Marea Atlántica o 26 de xullo de 2018, por amplisima maioría

A Marea Atlántica xurdiu no verán de 2014 coa finalidade de constituírse como alternativa política de ruptura democrática para a cidade da Coruña e a súa área metropolitana. Para tal fin contou desde a súa fundación con diversos axentes que, a través de compromiso e xenerosidade, conseguiron un cambio político na cidade en maio de 2015.

Exactamente o mesmo camiño emprenderon iniciativas irmás que, desde a diversidade e a pluralidade, construíron ferramentas similares. Partindo da base da autonomía do municipalismo, fixeron da primavera de 2015 un momento de cambio histórico tanto en Galicia como no resto do Estado.

As políticas dos gobernos do cambio, que se traduciron nunhas institucións máis abertas e permeables, que fan obxecto das súas prioridades e partícipes a sectores da cidadanía previamente excluídos, non son consecuencia unicamente de programas electorais ambiciosos, senón tamén da experimentación de novas formas de organización e metodoloxía política.

Durante 2016 estas ferramentas iniciaron un proceso de transmisión destas experiencias a un ámbito territorial superior nun movemento político innovador sen precedentes a nivel galego: Mareas en Común. A finalidade de MeC non era outra que a superación da situación de bloqueo na que se atopaba o espazo político galego e dotar á súa orientación da experiencia exitosa de oposición ás políticas neoliberais a nivel local.

As pretensións de Mareas en Común están na esencia dos acordos políticos acadados o 30 de xullo de 2016 no auditorio Mar de Vigo. Sen embargo, a ferramenta resultante afástase cada vez máis dos principios acordados, exclúe axentes capitais para a configuración do espazo e mesmo dá cobertura orgánica ás peores prácticas da vella política como a constitución dunha “marea alternativa” en Ferrol.

Esa iniciativa reflexa a existencia dentro do espazo de En Marea de certas posicións ideolóxicas conservadoras e refractarias ás políticas do cambio desenvolvidas por Ferrol en Común. Unha manobra que evidencia a existencia dunha pulsión política que, desde posicións orgánicas de referencia, está disposta a poñer en risco todo o traballo realizado na escala local e a torpedear os avances do municipalismo galego.

A ambigüidade expresada desde a dirección do espazo político de cambio, así como a non petición nin asunción de responsabilidades, é unha boa mostra da súa tolerancia a respecto destes feitos. O cal convida a pensar que o mesmo movemento pode ter réplica noutras localidades.

Futuro

Para recompoñer o espazo de cara ás vindeiras convocatorias electorais é clave facelo desde os seguintes eixos:

  1. Autonomía das ferramentas municipais. A diversidade do ecosistema municipalista é vizosa, cada localidade ten dinámicas propias, peculiaridades intransferibles que os espazos emanados da primavera municipalista de 2015 foron quen de harmonizar de xeito eficaz, converténdose tanto nunha liña de defensa das clases subalternas coma nun símbolo de que é posible transformar a realidade social dende principios e lóxicas distintos dos que nos ofrece o marco liberal conservador. Non é posible, nin crible, articular un relato contra o actual neoliberalismo rampante que exclúa á resistencia municipalista, ou que pretenda reducila a unha realidade residual, a unha manifestación menor de obxectivos de maior dimensión territorial. Ademais, a Marea Atlántica ten como un dos seus principios políticos e organizativos fundamentais a cooperación, e non subscribe as dinámicas competitivas e de suma cero dentro do espazo de ruptura.
  2. Clarificación do espazo de unidade popular. A indecisión ante o futuro inmediato das forzas e axentes que fixeron posible o éxito da confluencia aboa o terreo para movementos oportunistas a curto prazo, que procuran a fragmentación do espazo de ruptura. Non foi a desunión a que permitiu desaloxar dos concellos ao Partido Popular en 2015, non foi a pureza a que converteu ao espazo de ruptura na segunda forza no Parlamento de Galicia. Foi un espazo partisano e mestizo, diverso e plural, que centrou a súa enerxía naquelas cousas que nos unen e non nas que nos separan. Un espazo que precisa de transparencia e honestidade para construír.
  3. Avaliar a representatividade e utilidade da ferramenta da que nos dotamos. Segundo indican os acontecementos máis recentes, todo apunta a que os órganos de En Marea, a ferramenta chamada a replicar o espazo de confluencia a escala nacional, renunciaron á súa encomenda. A tal hora semella que a confluencia xa non é unha prioridade para a actual Coordinadora de En Marea, e que se antepoñen intereses de parte e a propia supervivencia orgánica á construción dunha alternativa ao Partido Popular e ás políticas que representa.
  4. Dotar á ferramenta dun discurso político de ruptura, con vocación hexemónica e para rachar cos marcos dominantes. Un discurso innovador e que renove unha axenda actualmente convencional e moderada, afastada das novas demandas emerxentes na sociedade galega e global.
  5. Implantación dunha metodoloxía eficiente, innovadora, que reflicta a diversidade do espazo dun xeito acorde á realidade. Temos a  responsabilidade de facer política, de reconstruír o espazo e centrar os nosos esforzos na recomposición de ferramentas políticas fraternas e sinceras en todas as escalas.

Por parte da Marea Atlántica non se escatimarán esforzos á hora de participar nun diálogo honesto, transparente e con vontade maioritaria, de cara ás próximas eleccións autonómicas, xerais e europeas.

Have your say