Mareas

IMG_8442

Unha Romariña para gañar o Porto

A Marea de Medio Ambiente organizou unha actividade para coñecer por mar os terreos portuarios que están pechados por terra. 150 persoas descubriron o bordo litoral que está en xogo na loita contra a especulación.

“Levo unha chea de anos vivindo na Coruña e nunca vira o porto así”. Esta frase repetiuse moitas veces o sábado 7 de xullo entre as persoas menores de 40 anos que baixaban do barco Rías Altas 2, logo dunha viaxe de ida e volta entre a Dársena da Mariña e os peiraos de Oza. Viñan de participar na #Romariña, unha actividade organizada pola nosa Marea de Medio Ambiente para coñecer por mar o bordo litoral que temos pechado por terra, o mesmo que está en xogo fronte á especulación urbanística. E, como dixo o alcalde, Xulio Ferreiro, “esta non é a loita dun partido, nin seguera dun goberno municipal. É a loita de toda  unha cidade“.

DSC_0277Un total de 150 persoas encheron todas as prazas dispoñibles no barco e redescubriron desde o mar a riqueza agochada na fachada atlántica da Coruña, na que se están a confrontar dous modelos de cidade. Dun lado, o da Autoridade Portuaria e o Partido Popular, que se basea nos convenios asinados en 2004 e que despreza os usos produtivos do porto: como xa vos temos contado, pretendían facer hoteis e centros comerciais nos Peiraos de Calvo Sotelo e Batería, e 4.000 novas vivendas en San Diego, en torres de ata 10 alturas. Doutro, como sinalou a nosa voceira, Sabela Pérez, durante a #romariña: “O modelo do goberno municipal, no que a xente é a protagonista, e que entende a recuperación dos peiraos como un diálogo entre a cidade e o mar”.

Durante a viaxe escoitáronse voces que foron dándolle contexto ás vistas que asomaban pola borda, como a do concelleiro de Rexeneración Urbana, Xiao Varela, lembrou que desde o primeiro momento a Marea Atlántica se enfrontou á venda especulativa dos peiraos interiores, e nestes tres anos de loita consegiu “que o sentido común mudase de bando”. A proba é que o recente convenio asinado polo PP consigo mismo antes de perder o goberno do Estado xa renunciaba a encher Calvo Sotelo e Batería de copias do Palexco, aínda mantendo as intencións de mercadear con San Diego. “Para erguer un modelo alternativo, nós fixemos o foro Tecendo Litoral, contando coa voz da cidadanía”, dixo Varela.

A técnica de Rexeneración Urbana, Chiqui García, animou a reflexionar sobre o deseño urbano, “e redefinilo para permeabilizar á cidade o porto. Debemos repensar se este anaco de solo vacante nun espazo central da cidade perdeu a súa funcionalidade: non é así”.

A voz da xente do mar

DSC_0392Falou Luis Dopico, mariñeiro de baixura e navegante da memoria, que lembrou os usos antigos dos peiraos, como cando a Campsa descargaba petróleo no que hoxe é a dársena pesqueira. “A Autoridade Portuaria non pensa máis que en si mesma e no negocio. Botounos fora aos pescadores e rouboulle o porto á cidade. Sada pasou a ser o maior porto de descarga de sardiña cando marchou moita da xente que traballaba aquí”, lembrou. E pediu que “se recoñeza o dereito da cidadanía a recuperar estes peiraos que lle foron expropiados”.

Tamén colleu o micro Torcuato Teixeira, vicepresidente da lonxa da Coruña, que aínda segue a ser a que maior volume de peixe fresco descarga de Europa, “un produto de calidade, do que toda a veciñanza debería estar orgullosa”. Lembrou que no noso porto chegou a haber 80 barcos do Gran Sol, dos que hoxe só quedan 17, e reflexionou: “É absurdo que pensen en facer cartos especulando con hoteis e vivendas mentres descoidan ao sector pesqueiro, a verdadeira riqueza do porto, un sector que aínda pode medrar e mellorar”. Porén, “ata que chegou este goberno municipal, ninguén nos preguntara a nosa opinión sobre o futuro dos peiraios”.

Pola súa banda, Xulio Montero, mariñeiro e percebeiro, agradeceu que a venda dos peiraos volvera ao debate público tras moitos anos enterrada, e dubidou sobre os verdadeiros intereses da Autoridade Portuaria da Coruña, cun presidente posto a dedo por Alberto Núñez Feijóo: “Se lles importara a cidade da Coruña, se lles importaramos nós, non pasarían por enriba do Concello, por enriba do pobo”.

Unha oportunidade que debe aproveitarse desde a colaboración

DSC_0341A concelleira de Medio Ambiente, María García, sinalou que “temos unha enorme oportunidade nestes peiraos, a de compensar o déficit de espazo público que A Coruña arrastra desde hai décadas, a causa do urbanismo desordenado, acelerado e inhumano”. Por iso, o bordo litoral pode converterse nunha grande infraestrutura verde, na que teñan cabida os usos produtivos respectuosos co ambiente, a investigación e as zonas abertas á veciñanza: “Temos que deseñalo entre todas, non imos tolerar que se faga sen contar coa cidadanía”.

De seguido, o alcalde, Xulio Ferreiro, cun chamamento ao sentidiño: “O Porto Exterior é importante. Servirá para liberar todos estes terreos que estamos a ver. Pero non pode ser unha factura que hipoteque toda a cidade. Mentres esteamos no goberno local, seguiremos a loitar por gañar o porto e recuperar este pulmón produtivo histórico”.

IMG_8361Neste sentido, Ferreiro fixo un chamamento directo ao PSOE, que xa amosou a súa oposición ao modelo dos convenios de 2004, para que se sume á defensa do bordo litoral contra a especulación: “Agardo que co cambio do goberno do Estado teñamos a oportunidade dun diálogo sinceiro, e que aproveitemos para traballar polo interese xeral, para devolverlle á cidade o seu porto”.

Á volta do verán, abre o Faro de Oza

Finalmente, a concelleira de Participación, Claudia Delso, aproveitou que o barco pasaba ante a figura do Faro de Oza para anunciar que este edificio histórico abrirá as súas portas á volta do verán. “Queremos que sexa o primeiro exemplo dun novo modelo de infraestruturas sociais, que estará aberto ao uso de calquera persoa”. O faro, un dos símbolos do antigo Concello de Oza, leva anos pechado e abandonado, unha situación que pronto se solucionará.

photo_2018-07-08_14-15-09

Este é un pequeno resumo dunha viaxe que serviu para amosar o enorme tamaño e a enorme riqueza dos peiraos interiores da Coruña, e o desperdicio que representaría malvendelos nunha operación especulativa. Se queres comprobalo, aquí tes unha galería de imaxes.

Have your say