Mareas

Reunión co grupo "Salvemos el Parque de Bens"

Xulio Ferreiro: “A cidade ten espazos en desuso, e o promotor terreos de sobra, onde situar un Museo do Automóbil sen sacrificar unha zona verde pública como o Parque de Bens”  

O candidato á alcaldía da Marea Atlántica reúnese con membros do grupo ‘Salvemos el Parque de Bens’ e lembra que o proxecto apoiado por Negreira e millonarios locais “está pensado para o lucro privado, non para o beneficio da cidadanía no seu conxunto; ninguén se opón a un museo, pero hai que buscarlle o emprazamento axeitado, sen destruír as xa escasas zonas verdes”.

Xulio Ferreiro, candidato da Marea Atlántica á alcaldía da Coruña, reuniuse este venres pola tarde con membros do grupo Salvemos el Parque de Bens, cos que visitou o espazo verde que desaparecerá do Parque de Bens para a construción do Museo do Automóbil e varios engadidos comerciais. “Ninguén se opón a poñer en marcha un museo, pero hai que buscarlle o emprazamento axeitado. O Concello vai ceder máis de 100.000 metros cadrados do xa limitado espazo verde público para un uso que, ademais de ser contrario á natureza dos terreos, inclúe a utilización comercial e privada do solo público, insistindo na nefasta política de poñer os bens de todos e todas ao servizo do interese económico dunha elite”, indica Ferreiro, que propón alternativas para a actuación museística: “Desde a Marea consideramos que o Concello pode dialogar co promotor para buscarlle un emprazamento ao Museo do Automóbil sen que se destrúan zonas verdes públicas. Hai espazos de sobra xa na cidade para acoller un equipamento destas características sen ocupar terreos que foron expropiados para zona verde pública: por exemplo, o Concello podería axudar, coa correspondente modificación do PXOM, a que esta iniciativa privada se instalase onde o fracasado e actualmente baleiro centro comercial Dolce Vita, que conta con bos accesos e non suporía un recorte do solo de todos e todas. A maiores, tamén hai que lembrar que a elite que encabeza a iniciativa e ante a que se prega o señor Negreira conta con terreos propios nos que podería instalar o seu proxecto sen empregar privativamente os bens comúns”.

Respecto do anuncio feito polo goberno local segundo o cal se ampliará o parque para compensar o que perdería co museo e os usos comerciais que o acompañan, o candidato da Marea afirmou que “na práctica, os circuítos e o edificio supoñen a desaparición do Parque de Bens, por moito que o señor Negreira intente vender fume sobre os planos. Sobre o terreo puidemos observar que a suposta ampliación sería cara a espazos de difícil acceso e bastante máis incómodos para o lecer das usuarias de Bens, onde se demanda que non só que non se destrúa o Parque, senón que se poña en valor, por exemplo cunha liña de bus da que agora carece”. Por outra parte, “esas novas zonas verdes, quen as pagaría? Sería o colmo que o Concello gastase cartos nesa actuación ao mesmo tempo que lle regala solo a unha iniciativa privada”, manifesta Ferreiro.

“A Coruña precisa manter e ampliar as zonas verdes públicas para uso e disfrute da cidadanía, non recortalas e cedelas ao lucro privado. Insistimos en que a construción dun museo —cunha ubicación axeitada— sempre pode ser unha boa nova para a cidade, pero diferenciámola claramente do feito de que vaia acompañada dun enorme conglomerado con fins comerciais que non está pensado para o beneficio do conxunto da cidade, que é a quen lle pertencen os terreos. Así mesmo, dado que coñecemos ben como se fixeron as cousas na nosa cidade nos últimos lustros, desde a Marea Atlántica tamén estamos obrigados a amosar certo escepticismo ante os cantos de serea que acompañan o anuncio dalgunhas infraestruturas fundamentalmente destinadas ao turismo, posto que moitas delas que no seu día foron publicitadas con grandes discursos agora apenas reciben visitas ou directamente están en desuso”, indica Ferreiro.

Por último, o candidato á alcaldía da Coruña apuntou que “a Marea nunca aprobaría unha medida das características da de Bens sen antes escoitar e consultar á cidadanía, nas antípodas da forma de proceder que é norma no Concello da Coruña na actualidade e desde hai tempo”. Nesa liña, puxo en valor que el mesmo e varios membros da candidatura se desprazasen ata Bens e falasen en persoa cos integrantes de Salvemos el Parque de Bens, “algo que ao señor Negreira nin se lle pasa pola cabeza, prefire alternar co 1% ao que lle facilita negocios que escoitar ao 99% que perde un espazo verde público de gran valor”.

2 comments

  1. estou moi preocupado polos indixentes con enfermedade mental morrendo polas ruas da cidade, sin que ningun organismo oficial interveña. Tedes algo para resover iste problema ou tamen miraredes para o lado e deixaredes as cousas como estan?. Os enfermos mentales xa non estan nos manicomios, estan nas ruas bebendo alcohol ou nas casas dos familiares covertidos en peque

    Responder
  2. ¿ Os planteaís construir un camping en el parque de Bens ? Creo que hay espacio de sobra en la parte alta del parque , donde hay árboles . Creo que seería interesante pues de hecho nos visitan muchas autocaravanas que pernoctan en distintas explanadas , asi podría venir más gente a esta ciudad y para el concello sería una fuente de ingresos .

    Responder

Have your say