Mareas

Alegacións Marea Medio Ambiente3

Esiximos a paralización da planta de residuos industriais en Santa Icía

A Xunta non lle esixiu á empresa que xustifique a súa situación en Santa Icía, a menos dun quilómetro de Feáns e Novo Mesoiro, onde viven 12.000 persoas

O xoves, 7 de setembro, a Marea de Medio Ambiente organizará un percorrido pola zona onde se pretende crear a planta para explicar o seu posible impacto

 

A Marea de Medio Ambiente da Marea Atlántica presentou alegacións ao proxecto de crear unha planta de residuos industriais en Santa Icía (Arteixo), nas que solicita a súa paralización inmediata, por ser innecesaria e non respectar a normativa vixente. A instalación estaría situada a un quilómetro dos barrios coruñeses de Feáns e Novo Mesoiro, onde viven máis de 12.000 persoas, e a unha distancia simular da Urbanización Breogán e o lugar de Santa Icía.

Por iso, e ao igual que o Concello da Coruña, sumámonos ao movemento social iniciado xa por entidades e colectivos veciñais das zonas afectadas, e reclama a inadmisión do proxecto de impacto ambiental elaborado pola empresa GESMAGA, e que está pendente de ser aprobado pola Consellería de Medio Ambiente.

  • A empresa non xustifica a necesidade de crear unha nova planta de residuos industriais. Simplemente di que é precisa e punto. Que é xusto o contrario do que din tanto o Plan de Xestión de Residuos Industriais de Galicia 2016-2022 como o Programa de xestión de residuos da construción e demolición de Galicia 2013-2016. Ambos os dous documentos da Xunta sinalan que o país ten xa instalacións abondo deste tipo.Alegacións Marea Medio Ambiente
  • Só na provincia da Coruña existen xa 89 instalacións de valorización de residuos industriais, como a que se quere crear en Santa Icía. Hai que sumarlles 37 de clasificación, 3 de eliminación e 7 vertedoiros. Semella razoable esgotar a capacidade das que xa existen antes de pensar en facer unha nova, sobre todo cando un proxecto similar, da mesma compañía, vén de ser paralizado en Coristanco.
  • A empresa non argumenta, tampouco, a localización escollida. Nin ofrece outras alternativas. Santa Icía, como dixemos, está a menos dun quilómetro de varias zonas habitadas.
  • A empresa non detalla, nin sequera, como vai afectar a construción da planta á contorna, que é un solo rústico protexido forestal, nin explica as medidas a tomar para minimizar o seu impacto. Tampouco analiza as conexións necesarias para o paso de camións, nin a necesidade de instalar subministro eléctrico, saneamento… E peor aínda, non se ocupa de estudar o efecto que o ruído (máis de 100 decibelios!) e o po xerado pola súa actividade poden ter nas poboacións próximas.

O proxecto, levado sen publicidade e case en segredo, conta co apoio do goberno municipal de Arteixo a pesar de todas estas carencias. Por iso, sumámonos á mobilización veciñal que xa está en marcha en Santa Icía, Feáns e Novo Mesoiro e esiximos á Xunta de Galicia que exerza a súa responsabilidade e non permita a instalación dunha planta de residuos tan preto de zonas habitadas.

O xoves día 7, roteiro pola zona afectada

En paralelo, a Marea de Medio Ambiente organizará unha xornada de actividade para dar a coñecer a existencia deste proxecto entre a veciñanza e advertir das súas consecuencias.

Mapa da ubicación da planta en Santa Icía

Mapa da ubicación da planta en Santa Icía

O xoves 7 de setembro, a partir das 19.00, realizarase un percorrido a pé pola zona na que se pretende instalar a planta de residuos industriais. A saída será na porta do Centro Cívico de Novo Mesoiro. No roteiro, poderase comprobar ata que punto está pegada aos barrios da Coruña e ás casas do lugar de Santa Icía.

Mocións no Concello e a Deputación da Coruña

A Marea Atlántica tamén presentará mocións para esixir a paralización da planta de residuos que de GESMAGA pretende instalar en Arteixo, tanto no Concello da Coruña como na Deputación Provincial.

O Partido Popular non vai mover un dedo desde as institucións que goberna para parar este proxecto innecesario, ambientalmente arriscado e con gran impacto nos concellos de Arteixo e A Coruña. Corresponde á cidadanía mobilizarse para frealo, como xa sucedeu en Coristanco. E niso poden contar co apoio da Marea Atlántica.

Have your say