Primarias

Primarias Marea Atlántica

Aprobado o regulamento de primarias para as eleccións municipais

O primeiro paso será escoller o Órgano de Arbitraxe. As candidaturas poderán presentarse a partir do 18 de xaneiro. As votacións terán lugar os días 15,16 e 17 de febreiro.

A Rede da Marea Atlántica, celebrada o 3 de novembro nas instalacións da Sociedade Recreativa da Gaiteira, aprobou o regulamento para as Primarias nas que se escollerá a candidatura ás vindeiras eleccións municipais de 2019. O primeiro paso do proceso, a selección do Órgano de Arbitraxe, comezará mañá, 5 de decembro e rematará o 20 de decembro.

O prazo de presentación de candidaturas ás primarias abrirase o 18 de xaneiro, logo dun proceso participativo interno para a súa elaboración, e pecharase o 3 de febreiro. Cada candidatura deberá estar composta por unha lista de 20 persoas.

As votacións serán entre as 10h do 15 de febreiro e as 22.00h do 17 de febreiro. Realizaranse preferiblemente de maneira presencial, aínda que poderá solicitarse a vía telemática nos días previos. Poderá votar calquera persoa maior de 16 anos, asinante do manifesto da Marea Atlántica e que residira na Coruña polo menos 6 meses durante os últimos 5 anos. O voto farase por listas completas.

Un ano de traballo

As bases para unhas primarias participadas, abertas e plurais sentáronse na Marea Viva celebrada entre novembro de 2017 e xaneiro de 2018. E durante os seguintes meses foise desenvolvendo este regulamento ampliado a través dun proceso de debate interno. Tal como foi sinalado onte na Rede, a normativa elaborada recolle tanto os principios fixados hai un ano como as necesidades do momento actual.

Have your say