Saltar ao contido

O Concello da Coruña sumouse aos de Barcelona, Cádiz, Córdoba, Madrid, Santiago de Compostela e Zaragoza na sinatura dun manifesto que reivindica o dereito da cidadanía a unha sanidade pública, gratuita, con cobertura universal e cun servizo de calidade. A través deste documento, créase unha rede de cidades que apostan pola “saúde como eixo transversal da acción municipal”.

Por un lado, defenden un sistema sanitario de titularidade pública, rexido polos principios da bioética e a xustiza social e no que o uso dos recursos estea rexido pola eficiencia, avaliada de xeito independente, e non polos intereses da industria. Por outro, lembran que a saúde vai máis aló dos hospitais e implica a toda a sociedade. Factores coma a calidade do aire ou as condicións laborais teñen unha enorme influencia no estado físico das persoas, e por iso é tarefa de todas as Administracións, tamén das municipais, o coidado do benestar da cidadanía.

Manifesto municipalista para a promoción da saúde e o dereito a un sistema sanitario público e universal

1.- Para defender a saúde debemos actuar sobre os seus verdadeiros determinantes: mellorando as condicións sociais, económicas, ambientais, políticas e culturais. Apostaremos pola saúde como eixo transversal da acción municipal introducindo a avaliación do impacto en saúde das políticas públicas. A redución das desigualdades sociais en saúde, por razón de xénero, clase social, territorio, orixe, etc. debe ser un compromiso e obxectivo de todo o Goberno. Desde a actividade de saúde comunitaria do centro de barrio ata a negociación do alcalde cos lobbys, todas as accións do Goberno deben remar cara unha cidade máis xusta e saudable.

2.- A vogamos pola derrogación da recente Lei de Racionalización e Sustentabilidade da Administración Local, que reduce a saúde municipal á competencia de “protección da salubridade pública”. Consideramos que desde os concellos hai oportunidades especiais de promocionarmos a saúde dos seus habitantes, desde as estratexias intersectoriais (saúde en todas as políticas públicas), ata as abordaxes participativas do desenvolvemento da saúde comunitaria nos barrios e vilas.

3.- Debemos garantir o Dereito á protección da saúde e a unha atención sanitaria pública, de cobertura universal e sen exclusións, equitativa, de balde no punto de asistencia e financiada por impostos progresivos suficientes para cubrir as necesidades da poboación.

4.- Debemos rexenerar o carácter público dos servizos públicos de saúde, co criterio de que os servizos asistenciais que se pagan con cartos públicos deben ser de titularidade e xestión pública. Non queremos dar diñeiro público a entidades privadas que fan da saúde un negocio.

5.- Debemos asegurar a transparencia, equidade, universalidade e eficiencia, cun código ético común de todos os servizos, con máis autonomía dos territorios, centros e traballadoras da sanidade, e cunha avaliación independente con control democrático.

6.- Debemos fomentar a participación real e a democracia en saúde. Para iso, a cidadanía e o persoal dos centros han de ter un protagonismo nos órganos de goberno do Sistema, territoriais e de centros sanitarios, e hai que fomentar as experiencias que constrúen saúde desde os entornos non sanitarios.

7.- Debemos fomentar o uso efectivo e eficiente dos medicamentos, tecnoloxías e ferramentas terapéuticas. Queremos un sistema de saúde no que se regulen e vixíen os conflitos de intereses, e se financien os produtos baixo criterios de evidencia científica. Débese iniciar un proceso de reversión da actual tendencia medicalizadora motivada por unha visión bioloxicista da saúde e pola cultura do consumo, integrando novas perspectivas como a salutoxénese e a visión de activos en saúde.

8.- Traballaremos para mellorar o sistema asistencial, potenciando unha Atención Primaria forte e cunha estratexia de saúde comunitaria na que participen todos os actores, construíndo saúde desde o próximo e en colectivo. Facer da Atención Primaria e Comunitaria o instrumento básico para unha atención global integrada, achegada ás persoas, con orzamento suficiente.

9.- Traballaremos para garantir os dereitos das persoas na sanidade pública, aplicando principios de bioética e criterios de xustiza social. Dereito a respectar a autonomía e a liberdade individual nas decisións sanitarias, así como á xustiza e á non maleficencia. Dereito a non sufrir malos tratos e a que a autoridade sanitaria denuncie a evidencia dos mesmos. Dereito á interrupción voluntaria o embarazo no sistema público, loita contra a violencia machista. Dereito á atención ao sufrimento e ao tratamento da dor, ao non encarnizamento terapéutico e a unha morte digna. Dereito á preservación dos datos persoais.

10.- Non podemos permitir que as nosas cidades xeren enfermidade: co seu aire contaminado, os seus contratos precarios, a súa gobernanza restrinxida… Traballaremos para ter cidades que xeren saúde e que coiden das persoas que habitan nelas, así como dos bens comúns e os espazos públicos onde se desenvolve a súa vida cotiá. Apostamos pola sustentabilidade da vida e a revalorización dos cidadáns, introducindo unha perspectiva de xénero na saúde.

 

Asinaron o manifesto:

Gemma Tarafa, Comisionada de Saúde, Concello de Barcelona.

Silvia Cameán, Concelleira de Xustiza Social e Coidados, Concello da Coruña.

Javier Barbero, Concelleiro Delegado de Saúde, Seguridade e Emerxencias, Concello de Madrid.

Concepción Fernández, Concelleira de Políticas Sociais, Diversidade e Saúde, Concello de Santiago de Compostela.

María Luisa Broto, Concelleira de Dereitos Sociais, Concellos de Zaragoza.

Mª Victoria López Ruiz, Concelleira, Grupo Municipal Ganemos Córdoba, Concello de Córdoba.

Ana Fernández, Concelleira de Asuntos Sociais, Concello de Cádiz.

 

2 de decembro de 2015

Rede de cidades en defensa da sanidade pública, gratuita, universal e de calidade