Novas da Marea

Rebaixa significativa no gasto do equipo de goberno

O próximo alcalde da Coruña baixará o seu soldo ata os 40.000 euros brutos ao ano e os e as concelleiras da Marea terán un salario de 35.000, aforrando miles de euros á arcas municipais

O equipo electo polas urnas da Marea cumprirá co asinado no seu Código Ético en ca nto entre a formar parte do goberno local, cuxo traspaso de poderes terá unha importante xuntanza este martes, cando o goberno en funcións entregará á Marea informes sobre a situación de cada área

Unha vez aprobado o organigrama do equipo de goberno co que a Marea Atlántica entrará en María Pita con total seguridade tras a sesión de investidura do próximo sábado 13 de xuño (á espera dalgúns detalles que decidirán na Rede desta semana) os dez representantes electos que formarán ese equipo decidiron xa rebaixar de forma significativa as súas retribucións, para así comezar a cumprir co compromiso da Marea de reducir o custe do goberno municipal nun millón de euros anual, que se destinaría a políticas sociais. Neste sentido, o acordado indica que Xulio Ferreiro, como alcalde, cobrará 40.000 euros brutos anuais namentres o resto do equipo de goberno terá un salario de 35.000 euros brutos anuais.

Deste xeito, os e as dez concelleiras da Marea cumprirán tamén co Código Ético da formación, que impide retribucións maiores a 40.000 euros brutos anuais de cargos electos, directivos e persoal eventual. Así mesmo, todos eles farán pública de forma inmediata da súa declaración de bens e de IRPF.

Por outra parte, tras un encontro (“moi cordial” segundo fontes da plataforma cidadá) este luns pola mañá de persoas dos equipos do goberno local en funcións e da Marea Atlántica concertouse unha xuntanza para tratar polo miúdo todo o referente ao traspaso de poderes e na que o compromiso do goberno en funcións foi o de poñer a disposición da Marea unha serie de informes de cada área que faciliten a súa chegada ao Concello.

Así mesmo, desde a Marea tratarán algunha outra cuestión, como a organización en detalle do pleno de investidura o sábado -que a Marea pretende que sexa o máis aberto posible á cidadanía e mesmo poida ser retransmitido por internet- ademais de fixar o seu horario, que roldará as 11.00 ou 11.30 da mañá posto que despois se celebrarán vodas no concello, nas que xa exercerán as súas facultades legais os membros do novo goberno local. A xuntanza entre o goberno en funcións e os representantes da Marea será este martes en María Pita, ás 12.00 horas. Así mesmo, pola tarde -ás 17.00- volverán reunirse delegacións de Marea e PSdeG-PSOE para concretar algunhas das cuestións que trataron na primeira toma de contacto hai unha semana. O mércores terá lugar o encontro entre a Marea Atlántica e o Bloque Nacionalista Galego.

2 comments

  1. Querria saber canto era o custo do anterior goberno, dedicacios por cada grupo persoal de confiaza e asignacion a grupo, e canto seria previsiblemente o de agora

    Responder

Have your say